Rey Varela preside o acto conmemorativo do aniversario do falecemento de Concepción Arenal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+
Acto conmemorativo a Concepción Arenal

Acto conmemorativo a Concepción Arenal

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela,  presidiu hoxe a conmemoración do 121 aniversario do falecemento de Concepción Arenal. O acto institucional consistiu nunha ofrenda floral aos pés do monumento da ilustre ferrolá, situado na avenida de Esteiro, e ao mesmo asistiron o concelleiro de Cultura, Manuel-Reyes García Hurtado; o concelleiro de Servizos e Medio Ambiente, Borja Carro Muñoz; e a concelleira de  Igualdade e Xuventude, Verónica Casal Míguez. Tamén estivo representado o Real Coro Toxos e Froles.

Na súa intervención, Rey Varela, sinalou que este recoñecemento a Concepción Arenal ten lugar unha semana despois de que o Concello de Ferrol fixera o propio con outro dos seus fillos ilustres: don Gonzalo Torrente Ballester, o que sinalou como “unha  mostra de que Ferrol debe e ten que enorgullecerse do seu pasado, de que debemos reivindicalo para gañar o futuro”. Neste senso, o primeiro edil da cidade reivindicou a figura de Concepción Arenal “unha intelectual de primeira talla, unha humanista no máis amplo sentido da palabra e unha avanzada no tempo que lle tocou vivir”. Así, o rexedor municipal referiuse ao seu papel como pioneira do movemento feminista en España e subliñou a súa postura abolicionista da pena de morte e o seu traballo a prol de mellorar o sistema carcerario español.

O rexedor ferrolá puxo de manifesto que o recordo desta intelectual “segue hoxe moi vivo na nosa cidade; e vinculado á formación, a investigación e a educación, uns ámbitos que marcaron a súa vida”, dixo. “O nome de Concepción Arenal da prestixio aos premios de investigación en Humanidades que o Concello de Ferrol impulsa conxuntamente coa Universidade da Coruña dende o ano 1998, designa a un instituto da nosa cidade e da nome a un centro cívico e cultural no barrio da Magdalena”, lembrou o alcalde. Rey Varela tamén insistiu en que “debemos seguir o sendeiro que nos deixaron sinalado concidadáns como don Gonzalo ou Concepción Arenal para gañar o noso futuro; para contribuír a unha sociedade mellor e máis xusta. Eles son parte da historia de Ferrol. Eles son Ferrol”.

4 de febreiro de 2014 | 16:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.