Rey Varela concreta cos veciños tres actuacións integrais de reparación de firme
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela desprazouse este mediodía a Canido, acompañado do concelleiro de Servizos e Medio Ambiente, Borja Carro Muñoz, e da edil do barrio, Verónica Casal Míguez. O obxecto desta visita foi comprobar, xunto cos representantes veciñais, as actuacións de mellora e mantemento feitas polos servizos municipais e empresas que traballan para a Administración local ao abeiro da terceira fase do Plan de Barrios, intervencións que deron resposta ao maior número de demandas veciñais manifestadas pola propia asociación de veciños ou por particulares a través da Oficina de Atención Cidadá.
Ademais de facer un balance do traballo dos servizos locais no barrio, Rey Varela concretou coa directiva veciñal tres actuacións integrais de reparación de firme que se levarán a cabo tan pronto como melloren as condicións climatolóxicas. Estas son: rotonda de Canido, Avenida do Rei (até o túnel) e rúa Muíño do Vento. O primeiro edil da cidade apuntou que estas intervencións faranse a maiores dos traballos ordinarios de mantemento de viarios e responden á necesidade detectada de acometer proxectos globais en determinadas calzadas en que non son suficientes actuacións puntuais debido ao estado de deterioro que estas presentan. O investimento que o Concello de Ferrol fará nestas tres actuacións globais de Canido ascende a preto de 98.000 euros. Así mesmo, o alcalde confirmou a próxima execución doutra demanda veciñal e que consistirá en obras de mantemento e conservación no lavadoiro de Insua. Estas suporán unha inversión aproximada de 19.000 euros e incluirá traballos de pintado, mantemento na cuberta, limpeza e reparación de bancos e papeleiras.
Novo mobiliario urbano no barrio
No que atinxe ás tarefas levadas a cabo dentro da terceira fase do Plan de Barrios en Canido, Rey Varela apuntou que se dotou de mobiliario urbano –bancos, papeleiras e xardineiras- zonas de Canido que carecían del, como é o caso das rúas Poeta Pérez Parallé, Barrié de la Maza, Atocha ou a Praza da Auga. O rexedor tamén tomou nota da demanda veciñal da necesidade de marquesiñas.
No seu conxunto, a valoración económica dos traballos do Plan de Barrios en Canido ascende a 92.281,31 euros, sen ten en conta os investimentos previstos na reparación global de firmes e no lavadoiro de Insua. Entre as actuacións acometidas neste barrio da cidade destacan as seguintes:
-Un total de 43 tramos de arranxo de beirarrúas e traballos de aglomerado na Avenida do Rei, praza de Canido e rúa Celso Emilio Ferreiro –Estes son aglomerados puntuais de emerxencia acometidos para salvagardar a seguridade viaria. Quedan pendentes novas actuacións de mantemento de viarios para cando as condicións climáticas o permitan, segundo aconsellan os técnicos-. Ademais, da colocación dunha barandilla en Poeta Pérez Parallé con rúa Coruña e dunha malla en Pérez Parallé.
-Roce e chapeo en todo o barrio, especialmente nos solares de Lili e Pérez Parallé así como no Muíño do Vento.
-Limpeza de papeleiras e contedores. Ademais da instalación dun novo punto de recollida de lixo na rúa Atocha e de dous suxeita-contedores na rúa Navegantes.
-Limpeza de graffitis na praza 8 de Marzo e na praza da Auga.
-Actuacións de mantemento correctivo e preventivo e control de calidade do servizo de abastecemento de augas.
-Un total de 23.930 metros cadrados de conservación en parques e xardíns do barrio. Ademais, da instalación de 6 xardineiras, 18 bancos e a plantación de 1.700 plantas de flor de tempada.
-Revisión do funcionamento e estados de todos os parques infantís e biosaludables do barrio de Canido. Ademais da instalación nun novo parque infantil no Raíña Sofía.











