Representantes do GAL da comunidade valenciana visitan Caión para coñecer os proxectos financiados polo GAC
Unha representación do Grupo de Acción Local (GAL) da Comunidade Valenciana visitará mañá pola tarde a localidade de Caión co propósito de interesarse polos diferentes proxectos produtivos (promotores privados) e non produtivos (promotores públicos) que se levaron a cabo durante os últimos anos contando co cofinanciamento do Grupo de Acción Costeira (GAC) 3 Costa da Morte. A xornada realízase a proposta da Red Estatal de Desarrollo Rural (REDER)
A comitiva estará formada por Victor Jolín (coordinador de REDER), Guillermo Moratal
(presidente do GAL Ceder Alicante e presidente da Red Valenciana de Desarrollo Rural FEVADER), Domingo Giner (presidente do GAL Ruralter 1 e deputado provincial en Castellón) e Manuel Buendía (membro da Fundación INFODAL). Serán recibidos en Caión ás 17.00 horas polo alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, e o presidente e xerente do GAC 3 Costa da Morte, Evaristo Lareo e Guillermo González respectivamente.
Os Grupos de Acción Local (GAL) da Comunidade Valenciana son o equivalente aos actuais Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) galegos. O obxectivo fundamental da visita é coñecer cales son os diferentes tipos de proxectos que foron aprobados polo GAC e comprobar persoalmente como se organizan e implantan. A localidade de Caión é o lugar escollido por ser un exemplo de boas prácticas e un modelo de integración e cooperación entre os diferentes promotores e proxectos.
A complementariedade das actuacións desenvolvidas nos últimos anos e cofinanciadas polo GAC 3 Costa da Morte é evidente en Caión. O Concello da Laracha puxo en marcha o programa de promoción turística Mar de Caión –que terá continuidade no presente ano co proxecto Descubre o mar, a través do que se porán en valor e se relacionarán entre si os recursos costeiros e de interior- e promoveu a recente ampliación do paseo marítimo noutros oitocentos metros de lonxitude. A Confraría de Pescadores, tamén co apoio do Concello, creou o museo do Arquivo da Pesca na planta baixa do pósito. E cunha iniciativa privada fíxose realidade o complexo hostaleiro Costa Caión.
Antes da visita ao Concello da Laracha, a comitiva valenciana estará pola mañá en Sada, onde terán a posibilidade de coñecer os proxectos financiados polo GAC 2 Golfo Ártabro.











