Rematan en Cangas as obras de acondicionamento e mellora do pavillón do Gatañal
Despois de varias semanas de traballo as obras de mellora e posta a punto do pavillón do Gatañal remataron. Estas actuacións, que comezaron a primeira semana de decembro consistiron no saneamento da cuberta e na instalación dun novo pavimento na pista coa finalidade de adaptala á normativa vixente.
En primeiro lugar acometéronse as obras de reparación da cuberta, que tiñan como finalidade reparar as goteiras e demais deficiencias atopadas. Esta actuación foi financiada integramente grazas a unha subvención concedida pola Deputación de Pontevedra por un orzamento de 57.810,00 € que se enmarcan dentro do Plan de Inversións da Deputación de Pontevedra para o exercicio 2012.
A zona a reparar conta cunha superficie de aproximadamente 1.874m² cunha inclinación do 12.19%.
As actuacións acometidas na cuberta consistiron na substitución das placas de poliéster por outras de policarbonato de 8 mm de espesor de forma que se evita a entrada de auga e permite a iluminación natural do interior do recinto.Concretamente realizáronse tarefas de desmontaxe, limpeza da zona, tratamento da cuberta, a colocación do lucernario e a instalación da nova cuberta de aceiro galvanizado.
Unha vez rematados os traballos, procedeuse a realizar as actuacións de posta a punto e mellora da pista, que consistían na adaptación da mesma á norma UNE-EN 14904. Con isto elimináronse as deficiencias que presentaba a pista de xogo e adaptouse aos cambios de regulamentación para os pavimentos deportivos interiores.
Estas actuacións consistiron na colocación dun pavimento vinílico deportivo de 7mm de espesor, tal e como indica o regulamento da UE. A lámina colocouse enriba da tarima xa existente unha vez reparada e ancorada convintemente, para evitar o seu movemento.
O custo de acondicionamento da pista foi dun total de 27.063,00 euros, dos cales 20.000€ foron aportados grazas a unha subvención da Deputación de Pontevedra enmarcada dentro do Plan de Obras e Servizos Provinciais para o ano 2013. O Concello de Cangas realizou unha inversión de 7.063,00 euros ademais de proporcionar a man de obra para a instalación.
En total, as obras de posta a punto e mellora do pavillón do Gatañal supuxeron unha inversión aproximada de 85.000,00 euros.
O concelleiro de deportes Francisco J. Soliño resalta que con este proxecto deuse solución a unha “necesidade de primeira orde”, sobre todo coa reparación da cuberta que “facía moita falta”. Soliño declara que “despois destas actuacións o pavillón do Gatañal xa está ao día para o uso e disfrute de todos os veciños e veciñas de Cangas”.











