Recíbense 12 propostas para a repavimentación do firme das plataformas da estación de buses da Coruña
O Concello da Coruña recibiu un total de 12 propostas para a execución das obras de repavimentación do firme das plataformas da estación de autobuses da Cubela, un proxecto que se enmarca dentro da filosofía do Goberno municipal de mellorar a mobilidade e o acceso tanto dos buses como dos cidadáns.
O Goberno local, a través da Concellaría de Mobilidade, sacou a concurso este proxecto, cun investimento que alcanza os 356.204 euros. Finalizado o prazo de presentación de ofertas, o Concello recibiu 12 propostas, que agora se están analizando para determinar cal é a que mellor se axusta ás bases e obxectivos marcados para este novo proxecto.
A repavimentación do firme das plataformas da estación garante unha mellora no servizo ofrecido aos usuarios e do acceso dos autobuses. Na actualidade, a dársena da Cubela presenta importantes deficiencias debido a que durante anos non existiu un plan de mantemento para a conservación da estación de buses.
As obras programadas pola área que dirixe Begoña Freire inclúen a demolición do pavimento existente e a súa renovación, deseñando unha nova drenaxe do firme para a plataforma e a súa sinalización mediante marcas viarias e planificación das solucións de tráfico durante a execución dos traballos, que teñen un prazo de execución de 4 meses.
A Concellaría de Tráfico e Mobilidade destaca a importancia de ofrecer un bo mantemento da estación de autobuses, unha infraestrutura que conta con máis de 5 millóns de viaxeiros cada ano, cun movemento medio de tráfico interurbano en días laborais que alcanza os 874 buses.











