Quinta marcha ciclista popular da tempada en Ferrol
As bicicletas volverán tomar o vindeiro domingo, día 23 de febreiro, as rúas de Ferrol cunha nova Marcha Ciclista Popular. Esta saída, organizada pola Concellería de Deportes do Concello de Ferrol en colaboración co Club Ciclista Ferrol, será a quinta marcha das nove programadas para a tempada 2013-2014.
Ao igual que o resto das saídas, a marcha sairá e finalizará na praza de Armas. Este evento deportivo dará comezo ás 11:00 horas e ao remate do mesmo haberá un sorteo de regalos entre os participantes. Nesta quinta marcha os ciclistas percorrerán un itinerario de doce quilómetros que descorrerá polas rúas do centro da cidade, Ensanche A, Catabois, Santa Icía, Serantes, A Malata dirección ao peirao, Costa de Mella e regreso de novo ao punto de saída, a praza de Armas. Para máis información sobre o percorrido, os interesados poderán consultar a páxina web do Club Ciclista Ferrol: www.clubciclistaferrol.es .
Todos os participantes neste evento deberán respectar as indicacións que faga a organización para o bo desenvolvemento da marcha. É obrigatorio o uso do casco protector para a cabeza.











