Quince desempregadas ferrolás inician o vindeiro luns o itinerario de inserción laboral “peixaría”
A concelleira de Emprego do Concello de Ferrol, Martina Aneiros Barros, informou hoxe de que o vindeiro luns, día 3 de marzo, dará comezo un novo itinerario de inserción laboral enmarcado no proxecto “Ferrol punto de Emprego II”, posto en marcha polo Goberno Municipal. Así, das 95 persoas desempregadas que presentaron a súa solicitude para este curso de formación, un total de 15 persoas -8 homes e 7 mulleres- foron seleccionadas polo equipo técnico do programa para participar na acción formativa de “Peixaría”.
O itinerario de inserción laboral terá unha duración total de 410 horas e desenvolverase ata principios do mes de xuño. Este curso contempla diferentes módulos: de formación específica (140 horas), de práctica profesional titorizada en empresas (240 horas) e de formación transversal (30 horas). A edil de Emprego explicou que o obxectivo desta acción formativa “é capacitar aos participantes para seleccionar, comprar e vender produtos de pesca, para a súa preparación mediante técnicas de lavado, descabezado, eviscerado, descamado, cortado e fileteado, segundo os casos, mantendo as necesarias condicións de conservación e respectando a normativa de calidade, de medio ambientes e as medidas de seguridade e técnico-sanitarias vixentes, así como capacitalos para levar a cabo as funcións relativas á xestión e administración dunha peixaría”.
O proxecto “Ferrol punto de emprego II”, posto en marcha pola Administración Local, está cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) e ten como finalidade proporcionar aos beneficiarios unha cualificación profesional que lles permita acceder con mellores condicións de empregabilidade ao mercado laboral.











