Protección Civil e Policía Local de Cangas rexistran 7 incidencias polo temporal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

Os servixos de emerxencias do Concello de Cangas, Protección Civil e Policía Local atenderon un total de sete incidencias entre a tarde de onte e esta madrugada como consecuencia do paso da cicloxénese explosiva “Stephanie” polo municipio.

Entre os incidentes máis destacados está o desprendemento dun balandro destinado ao servizo das bateas na ría de Aldán, que acabo varado na praia de Vilariño e arrastrou consigo a seis embarcacións ( catro lanchas e dous veleiros). Os membros de Protección Civil e Policía local trasladáronse ao lugar dos feitos onde comprobaron os danos ocasionados e procederon a localizar aos propietarios dos barcos afectados.

Tamén en Vilariño rompeu o pantalán debido á forza coa que o mar batía contra o mesmo. Como consecuencia  varias das embarcacións alí atracadas afundiron. A patrulla de Policía Local que acudiu ao lugar dos feitos procedeu a pechar o peirao ao público, a petición de Protección Civil, para evitar danos persoais pola forza do vento e as ondas.

Ademais ao longo da tarde e parte da madrugada os tres equipos de Protección Civil mobilizados, compostos por catro membros do SMPC e 8 voluntarios realizaron varios servizos alertados polo 112, a Policía Local e a Garda Civil. Entre estas actuacións destacan a retirada de árbores caídas nas estradas de Herbello e Pinténs, unha farola caída en Santa Marta, e o aviso a Salvamento Marítimo e aos Garda Costas tras comprobar  a existencia de bidóns das bateas na praia de Areamilla para que procedesen á súa retirada.

10 de febreiro de 2014 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.