Protección Civil de Ourense executou case 200 operativos durante o ano 2013
Segundo a memoria de actividade do servizo de Protección Civil do Concello, este departamento executou, durante o ano 2013, un total de 193 operativos. O informe pon en relevancia a figura do voluntariado de Protección Civil, destacándoa como peza esencial na integración da autoprotección cidadá no sistema. Mediante o voluntariado, os cidadáns participan de modo altruísta nas tarefas de protección e defensa da comunidade, complementando os recursos existentes.
Así, o servizo funciona mendiante a participación cidadá nas accións de protección de persoas ou bens, integrando esta participación no marco da estrutura operativa institucional. O sistema trata de que todos os medios posibles de acción existentes se dirixan de xeito eficaz á finalidade de dar resposta ás situacións de risco colectivo.
Os obxectivos do departamento son os seguintes:
– Ordenación dunha estrutura operativa que permite activar de xeito coordinado e eficaz todos os recursos dispoñibles nas situacións de emerxencia que o requiran.
– Organización operativa dos servizos existentes, e a súa posta en acción coordinada.
– Planificación e coordinación dos distintos servizos públicos existentes dependentes das administracións.
Persoal laboral e voluntarios
O servizo está constituído, xunto aos voluntarios, por persoal laboral do Concello de Ourense: o responsable do servizo, dous condutores e un auxiliar administrativo. O responsable coordina as actuacións dos voluntarios, á vez que coordina, xestiona e planifica as actuacións do grupo de voluntarios. Así mesmo, cada sección está organizada e coordinada por un voluntario nomeado polo responsable do servizo.
O equipo de voluntarios está formado actualmente por 157 membros: 126 homes e 31 mulleres. Distribuídos por categorías, 26 son socorristas, 9 TTS (Técnico de Transporte Sanitario), 7 TTS-D, 6 conductores TTS, 4 DUE (Diplomado Universitario Enfermería), 3 conductores ATS (Axudante Técnico Sanitario), 3 ATS, e 1 TES (Técnico de Emerxencias Sanitarias).
O equipo móbil está composto por: dous vehículos todo terreno, posto sanitario avanzado, furgoneta, dúas ambulancias, dous remolques, catro bicicletas, dúas motos sanitarias e un xerador de corrente. Contan tamén con material sanitario, material de salvamento acuático, mergulladores, e equipo de rescate de montaña.
Case 200 operativos executados
No ano 2013, a suma resultante de operativos é de 193. Dentro dos actividades programadas (138), participaron en carreiras pedestres, andainas, concentracións de motos e coches, probas ciclistas, rallys, concertos musicais, desfiles, festas, vixilancia do río Miño e termas, eventos xuvenís, feiras de exposicións e simulacros de evacuación en edificios públicos.
Entre os operativos executados non programados (55) atópanse catástrofes naturais -inundacións, temporais de choiva e neve-, incendios, búsqueda de persoas desaparecidas, rescate subacuático no río Miño, accidentes de tráfico e fugas de gas.
Protección Civil tamén organizou diversos cursos de formación no exercicio 2013: curso básico (26), formación interna de voluntariado e persoal de ambulancia (5), curso de incendios (4), rescate de persoas nun ascensor (4), curso PNB (1), e Primeiros Auxilios de Cruz Vermella (1).
Durante o ano 2013, o servizo realizou un total de 956 servizos de ambulancia, a petición de distintas entidades, coma o 112 ou o 061.
Servizo en zonas termais e piscinas
O servizo de proteción civil prestou servizo de socorrismo na praia da Antena, en Outariz, na Chavasqueira, no Muíño da Veiga, na piscina das Burgas, nas piscinas de Oira e no Pavillón Municipal de Deportes.











