Protección civil de Cangas atende 35 incidentes polo temporal

Unha das incidencias rexistradas en Cangas
Como consecuencia dos temporais de vento e choiva que nestes días azoutan o concello de Cangas, os servizo de Protección Civil viu incrementado o seu traballo. En total, durante os días de maior temporal realizaron un total de 35 servizos alertados pola Policía Local, o 112 e particulares.
Ao longo da xornada do pasado martes 4 de febreiro, día no que a cicloxénese explosiva “Petra” deixou importantes desfeitos en Cangas, Protección Civil realizou un total de 13 intervencións entre as que destacan a limpeza do enreixado e despexe da carreteira na rúa de Areacova como consecuencia dunha inundación, a retirada dunha árbore que caeu sobre un coche en Donón e o traslado dun ferido leve, a retirada de pranchas que de desprenderon dunha cornixa na Rúa Andalucía, retirada dun espello no Camiño Vello de Darbo, suxeición de chapas que se soltaron por mor do vento no Auditorio Municipal na Avenida de Marín e no cemiterio e a retirada de enreixado na Avenida de Lugo.
Ese mesmo día, como consecuencia do mal tampo tamén se rexistrou un accidente de tráfico na zona de Cunchido (Darbo) que se saldou sen danos persoais.
Así mesmo, durante o pasado xoves día 6 de febreiro a consecuencia dos danos producidos polo paso da cicloxénese explosiva “Qumaira” polo noso municipio, o servizo de Protección Civil realizou un total de 22 intervencións durante as horas de forte temporal motivadas entre outras cousas pola caída de ao menos oito árbores nas parroquias de Aldán, Hío e Darbo; a caída de dous postes eléctricos; tres contedores de lixo volcados polo vento; a retirada de pólas da estrada; a caída de auralitas; o desprendemento de tellas e chapas dos tellados de varios edificios e a existencia de bolsas de auga.
Ao longo desta xornada un total de tres equipos de Protección Civil, formados por tres membros do Servizo Municipal de Protección Civil e nove voluntarios, estiveron activos.
Ante a chegada inmenente de novas borrascas e ventos nas próximas horas e de cara a fin de semana o servizo de protección civil de Cangas seguirá alerta para tratar de solucionar os posibles incidentes na maior brevidade posible.











