Primeira xornada de sendeirismo consciente de Monforte
O domingo día 16 de febreiro e organizada pola “Fundación Mundonatura”, celebrarase no concello de Monforte de Lemos a I Xornada de sendeirismo consciente.
A actividade está dirixida a persoas de tódalas idades ás que lles apeteza disfrutar dunha xornada de sendeirismo diferente. A combinación de natureza, sendeirismo e ioga, realizarase co fin de aprender a arte de vivir en harmonía con un mesmo, integrando unha parte meditativa e deportiva, con outra lúdica e de pracer, realizadas en plena natureza.
O “sendeirismo consciente” é unha forma de camiñar diferente. Hai momentos nos que se camiña practicando a meditación en movemento, conscientes da respiración, do corpo, das diferentes sensacións físicas, do tacto, da vista, do oído, etc. Durante as frecuentes paradas realízanse exercicios de respiración e relaxación para activar os centros enerxéticos e previr o estrés.
A ruta comezará ás dez da mañá e o punto de reunión de tódolos participantes será o estacionamento do Parque dos Condes.
Todas aquelas persoas que queiran participar deberán inscribirse na Oficina Municipal de Deportes, de luns a venres entre as 9:00 e as 14:00 horas, a través do correo electrónico deportes@concellodemonforte.com, ou ben nos teléfonos 982-875-430 e 982-875-126.
O custo da actividade é de 9 € por persoa, cantidade que se aboará o propio domingo día 16.











