Preséntase en Santiago o volume XXVII dos “Cadernos Ramón Piñeiro”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Presentación do volume. Foto: X. Crespo

Presentación do volume. Foto: X. Crespo

O salón de actos do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) acolleu onte a presentación do volume Cadernos Ramón Piñeiro (XXVII). Cartas a Fermín Penzol nun acto presidido polo secretario xeral de Política Lingüística en representación da Consellería de Cultura e Educación, da que depende o CRPIH.

Na súa intervención, Valentín García deulles a benvida aos asistentes á nova sede do Centro Ramón Piñeiro, no Pazo de San Roque, por ser este un dos primeiros actos que celebraba a institución neste espazo. Xa referíndose ao libro que acudira a presentar, o secretario xeral resaltou os esforzos de Fermín Penzol e da Xeración Galaxia por manter vivo o facho do galego durante os difíciles tempos da posguerra. Gabou a xenerosidade de Penzol, ilustre mecenas da nosa cultura, e mais das persoas que neses anos dedicaron a súa vida á lingua propia de Galicia, a quen presentou como “referentes para todos os bos e xenerosos do século XXI”.

Acompañaron o secretario xeral na mesa Xulio Souto Jiménez, vicepresidente da Fundación Penzol; Manuel González González, director científico do Centro Ramón Piñeiro; Xosé Luís Cochón, un dos coordinadores do volume e o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín.

Cartas a Fermín Penzol

O XXVII volume dos Cadernos Ramón Piñeiro segue unha das liñas de traballo do centro de investigación dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, consistente en dar ao prelo material epistolar da autoría de sobranceiras figuras da literatura ou dos estudos filolóxicos galegos. Neste caso, trátase dun feixe de cartas que Ramón Piñeiro, Ben-Cho-Shey, Ramón Cabanillas e Ramón Otero Pedrayo lle enviaron a Fermín Penzol. As misivas reprodúcense con escrupuloso respecto aos textos orixinais e complétanse con abondosas observacións críticas.

Bibliófilo e galeguista

Fermín Penzol (Sahagún de Campos, 1901 – Santiago de Compostela, 1981) comezou na súa mocidade a coleccionar publicacións e documentos relacionados con Galicia ata que se fixo cun patrimonio bibliográfico de enorme valor que decidiu poñer a disposición do público. No ano 1956 doaría esa biblioteca persoal, unha das máis valiosas do país, en depósito á Editorial Galaxia para a constitución dunha fundación que se inauguraría en 1963, con sede en Vigo, e cuxa biblioteca dirixiría Francisco Fernández del Riego ata 2010. O mecenado galeguista exercido por Fermín Penzol foi quen de artellar un espazo de referencia na configuración da cultura galega actual nun momento no que esta non contaba con centros de seu.

Os Cadernos Ramón Piñeiro

A colección dos Cadernos Ramón Piñeiro encádrase no proxecto de investigación homónimo que a Xunta de Galicia botou a andar no ano 2003. Dende esta data, os profesores Luís Alonso Girgado e Xosé Luís Cochón, codirectores dos Cadernos, levan dado a lume un total de 27 volumes centrados no pensamento e na cultura galegas e, nomeadamente, en escritores relevantes da nosa literatura. Entre eles están aqueles a quen se lles dedica cada ano o 17 de maio, cuxos textos inéditos ou correspondencia ven a luz na publicación acompañados de breves pero valiosos estudos sobre a súa obra.

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

O CPRIH, dependente da Consellería de Cultura e Educación, ten a finalidade de promover, desenvolver e darlles difusión a proxectos galegos de estudos lingüísticos, literarios, históricos e antropolóxicos. Na actualidade, centra as súas liñas de investigación en lingüística con aplicacións informáticas, en prosa e poesía medieval, na recuperación e análise de publicacións literarias e en proxectos de antropoloxía referidos á identidade colectiva.

19 de febreiro de 2014 | 15:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.