Preséntase a ‘Roda dos verbos’, un novo recurso para a aprendizaxe do idioma

Presentación da Roda dos verbos
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este mediodía en Vigo no acto de presentación da Roda dos verbos. Usos e dificultades da conxugación verbal en galego, un novo recurso lingüístico editado pola Universidade de Vigo (UVigo), no marco do convenio de colaboración en materia de normalización lingüística asinado entre esta institución e o departamento que dirixe o conselleiro Vázquez Abad.
En palabras de García Gómez, “a Roda dos verbos facilitará o coñecemento da conxugación verbal da lingua galega a quen queira achegarse á aprendizaxe do idioma ou, simplemente, mellorar a súa competencia lingüística en galego”.
O secretario xeral estivo acompañado no acto, que se desenvolveu na sala de xuntas da Facultade de Filoloxía e Tradución, polo vicerreitor de Extensión Universitaria, Manuel Fernández Iglesias; polo director da Área de Normalización Lingüística, Paulo Cabral Pedreira; e mais polos autores do traballo, Xavier Gómez Guinovart e Xosé Antonio Fernández Salgado.
Roda dos verbos. Usos e dificultades da conxugación verbal en galego
A Roda dos verbos. Usos e dificultades da conxugación verbal en galego é un caderno didáctico integrado por un manual e dúas rodas de consulta, que recolle tanto as normas básicas de flexión aplicadas na conxugación regular coma a descrición das diversas peculiaridades morfolóxicas que presenta a flexión dos verbos irregulares.
O caderno ofrece unha síntese destas normas, mentres que as dúas rodas constitúen unha útil ferramenta de importante potencialidade didáctica á hora de consultar as formas normativas concretas dos verbos irregulares do pretérito de indicativo e as variacións provocadas pola alternancia vocálica no presente de indicativo.
No eido da formación da comunidade universitaria, o recurso vén encher un baleiro dentro do material didáctico destinado á normalización lingüística, amais de constituír unha ferramenta de utilidade na resolución de dúbidas. O seu formato, de deseño práctico e sinxelo, é similar ao de ferramentas que xa existen na actualidade nas linguas máis demandadas (como o inglés, o alemán, o francés, o italiano ou o catalán) e constitúe unha novidade no conxunto de materiais de utilidade para o ensino e a aprendizaxe da lingua galega.
Distribuirase, desde o Servizo de Publicacións da UVigo, á comunidade universitaria, e poñerase á venda nas librerías. A ferramenta tamén estará dispoñible para a súa descarga no web da Área de Normalización Lingüística desta universidade.
Reforzo á dinamización do idioma desde a universidade
A Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora coas tres universidades galegas en materia de normalización lingüística co fin de incrementar o uso da lingua propia de Galicia no espazo da educación superior, tanto no contexto administrativo como nas actividades docentes ou investigadoras que lle son propias.
Nesa liña de traballo, o departamento dirixido por Xesús Vázquez asina convenios anuais de colaboración con elas e participa, tamén, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Universidades, na Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, creada no ano 2009 para darlle cumprimento á medida dirixida á área do ensino que no marco do Plan xeral de normalización da lingua galega (2004) propoñía a creación dunha “comisión estable” que asumise a planificación e a coordinación da política lingüística universitaria en Galicia.











