Preséntase a programación escénica do Concello de Tui

Presentación da programación
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora co Concello de Tui no desenvolvemento da programación de teatro, danza e novo circo que o Teatro Municipal Área Panorámica desta localidade ofrecerá ata o mes de xuño como espazo asociado á Rede Galega de Teatros e Auditorios e ao circuíto Troco x Troco de intercambio con Portugal, ademais de como escenario incluído na xira de ‘Longa viaxe cara á noite’, a nova produción do Centro Dramático Galego (CDG).
A Consellería, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e representada polo director da mesma, Jacobo Sutil, participou hoxe xunto ao alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, e á concelleira de Educación e Cultura, Vanesa Rodríguez, na presentación dun novo número da axenda cultural ‘Corredoira’, que recolle o calendario de actividades culturais neste municipio pontevedrés para os próximos meses.
Na súa intervención, o director da Agadic gabou o labor que desde o Concello se está a realizar a prol da cultura, convertendo Tui “nun polo de exhibición artística de primeira orde e nun destino clave no Sur de Galicia dentro do eido cultural” grazas á combinación dunha oferta de ocio de base local con propostas profesionais de calidade que tamén están a ser exhibidas noutros importantes escenarios a nivel galego e mesmo peninsular.
Público xeral e familiar
En concreto, a Xunta colabora a través da Agadic nesta nova carteleira, que inclúe a representación no Teatro Municipal Área Panorámica de seis espectáculos contratados a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios e cofinanciados polo Concello e a Axencia. Así, os espectadores tudenses poderá gozar das pezas teatrais ‘Mucho ruido y pocas nueces’ de Las Grotesques (21 de febreiro, ás 21.30 h) e ‘As do peixe’, producido por Abrapalabra Creacións Escénicas (15 de marzo, ás 20.30 h); da nova proposta coreográfica de Cristina Montero e Rut Balbís, ‘Momento Blooming’ (21 de marzo, 21.30 h); e das montaxes para público infantil e familiar ‘Residuo’ de Pistacatro Produtora de Soños (15 de febreiro, 19.00 h), ‘Ñam’ de Caramuxo Teatro (14 de marzo, ás 20.00 h) e ‘Babs’ de Baobab Teatro (22 de marzo, ás 20.00 h).
A Escola da Noite, mañá con ‘Novas diretrizes en tempos de paz’
Este Teatro Municipal é, ademais, un dos catro escenarios galegos asociados ao circuíto Troco x Troco de intercambio teatral entre Portugal e Galicia, que Cultura e Educación impulsa en colaboración coa asociación portuguesa Cena Lusófona. No marco deste programa, dúas compañías portuguesas visitarán Tui proximamente para presentar as súas últimas propostas: A Escola da Noite de Coimbra representará mañá mesmo, ás 21.30 horas, a galardoada obra de Bosco Brasil ‘Novas diretrizes em tempos de paz’, mentres que o Centro Dramático de Évora chegará en maio para escenificar o día 24 ‘Autos da Revolução’, a partir dos fragmentos de cinco novelas do afamado escritor portugués António Lobo Antunes.
O director da Agadic anunciou, así mesmo, que este mesmo espazo municipal acollerá o 27 de maio unha representación de ‘Longa viaxe cara á noite’, a nova produción teatral que o Centro Dramático Galego está a ensaiar nestes momentos cara á súa estrea o 22 de marzo.











