Presentación en Santiago do XIII Campionato de España de Patinaxe Artístico de Grupos Show
Santiago de Compostela será este ano 2014 o escenario do Campionato de España de Patinaxe de Grupos Show, organizado polo Club Deportivo Fontiñas en colaboración co Concello de Santiago. O evento desenvolverase os días 1 e 2 de marzo no Multiúsos Fontes do Sar. pavillón onde tivo lugar o pistoletazo de saída coa presentación oficial do cartel que presidirá estas xornadas de patinaxe.
Máis de 600 patinadores participarán neste campionato, ao que asistirán máis de 40 clubs de toda España. O primeiro día de competición, o 1 de marzo, patinarán 21 equipos de grupos show pequenos e, o 2 de marzo, 20 equipos de grupos show grandes. O sábado 1 de marzo, ás 18.00 horas, inaugurarase este Campionato de España, no que competirán os mellores equipos do país, incluíndo os campións de Europa e do Mundo. As clasificacións obtidas neste campionato servirán para conseguir praza para o campionato europeo do próximo ano que terá lugar en Amsterdam.
Con motivo do XX aniversario do C.D. Fontiñas, a Real Federación Española de Patinaxe manifestou o seu apoio ao club outorgándolle a organización desta XIII edición do Campinato de Grupos Show. Compostela será este ano 2014 a capital da patinaxe artística de Galicia e de España, xa que con anterioridade ao Campionato de España, o C.D. Fontiñas organizou XIII Campionato Galego de Grupos Show, celebrado os días 1 e 2 de febreiro no Pavillón Municipal de Santa Isabel.











