Presentación do libro infantil “As carriolas do mencer” na Casa da Xuventude
Esta tarde ás 18.00 horas tivo lugar na Casa da Xuventude a presentación do libro infantil “As carriolas do mencer”, nova obra do autor cangués Rafael Fernández Lorenzo e que conta coas ilustracións de Ramón Trigo. O acto consistiu no visionado dun vídeo seguido dunha pequena obra teatral para a delicia dos nenos e nenas que asistiron ao evento.
Fernández presenta a súa última obra, editada por Ir Indo Edicións, que está dirixida a cativos de 0 a 6 anos. A historia, que ten a un neno e a unha nena como protagonistas, trata sobre as estrelas e a amizade. O autor cangués suma este libro a outros editados anteriormente como “As flores do meu amigo”, “Son media ducia e parecen cen” ou “O ladrón de voces”. Para este novo traballo o escritor local tivo a colaboración do ilustrador vigués Ramón Trigo que conta nas súas costas numerosas obras tanto en libros como en cómics así como de pintura e escultura que teñen sido expostas en varios países. O seu traballo ten recibido premios como o Premio Lazarillo 2012 ou o Premio de albúm ilustrado Cabildo de Gran Canaria. É autor xunto con Blanca Trigo da obra “La cosa negra que pasó por mi vida”.











