Povisa chega a acordos individuais de redución de horarios coa metade dos traballadores afectados
En relación á asemblea convocada hoxe en Povisa, a dirección do hospital quere comunicar que chegou a acordos individuais de redución de horarios con máis da metade dos traballadores afectados, de tal maneira que xa non habería necesidade de facer efectivos na súa totalidade os 13 despedimentos de persoal adscrito á quenda de fin de semana inicialmente expostos.
O número final de despedimentos quedará fixado en función dos acordos individuais cos traballadores aos que se siga chegando nos próximos días, e en ningún caso os que se teñan que producir faríanse efectivos até finais do mes de marzo. Na actualidade, só quedan 46 traballadores afectados polos cambios de quendas –é dicir, pola obrigación de traballar algún fin de semana máis, e é probable que esta cifra siga diminuíndo nos próximos días.
A dirección de Povisa lamenta unha vez máis non poder adoptar medidas menos traumáticas –en particular, a redución de 6 horas semanais nalgúns servizos-, e, ante a sistemática negativa do comité de empresa a negociar solucións intermedias, manifesta a súa intención de continuar pactando individualmente con aqueles traballadores que o desexen e poder minimizar así ao máximo o número final de despedimentos.











