Portos de Galicia licita o proxecto de mellora do abrigo das instalacións portuarias de Porto do Son
Portos de Galicia vén de licitar o proxecto de mellora do abrigo das instalacións portuarias do municipio coruñés de Porto do Son. Así llo trasladou hoxe o presidente do ente público, José Juan Durán, aos representantes da confraría e do Concello, nun encontro no que lles presentou as características técnicas do proxecto, cuxa licitación se publicará no DOG nos vindeiros días cun orzamento dun millón de euros.
As obras proxectadas consisten na ampliación do actual dique en 30 metros de lonxitude, cun macizo de remate no morro de catro metros e medio en dirección Sur sureste, coa súa baliza correspondente, e a instalación dun pantalán de 39 metros para atraques de embarcacións de 7ª lista, unhas trinta prazas, na dársena interior do porto. Esta ampliación do dique levará un espaldón en toda a súa lonxitude. O dique levará as canalizacións correspondentes de alumeado, varandas de aceiro e dispositivos de ventilación na súa base cada 5 metros.
Para ampliar o atraque, instalarase un pantalán de 39 metros con fingers, un ancho de 2,50 metros e unha capacidade de atraque correspondente a unhas 30 embarcacións que irá situado na dársena interior do porto. Para o acceso ao pantalán proxéctase unha pasarela de 15 metros de lonxitude e un metro de ancho.
Este proxecto supón a actuación prioritaria para a remodelación do bordo litoral de Porto do Son. A súa execución dá resposta ás necesidades do sector profesional e a náutica recreativa, trasladadas polos propios axentes portuarios e o Concello a Portos de Galicia. No deseño dos traballos mantívose un contacto directo cos representantes dos usuarios e a Administración local de cara a acadar o consenso existente finalmente.











