Portos, Confraría e Concello de Cambados constitúen a comisión de seguemento das comportas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambados
A-
A+

O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, xunto con técnicos do seu departamento, o alcalde, Luis Aragunde, o patrón maior da Confraría San Antonio, Benito González, e a presidenta da agrupación de mariscadoras, Isabel Pérez, celebraron hoxe a reunión que acordou constituir a comisión de seguemento das comportas que está a construir o ente portuario e que regularán as mareas no Saco de Fefiñáns. Portos informou ós presentes sobre a situación actual das obras de instalación que se veñen realizando.

A comisión, que decidirá cando abren e pechan as comportas, estará integrada por dous representantes de cada organismo, un total de seis, ós que poderán engadirse outras persoas como asesores técnicos. Dentro desta comisión vaise elaborar un calendario de xuntanzas periódicas para facela operativa, estudar as novidades que se vaian producindo e tomar as decisións pertinentes.

Entre os criterios que rexerán o funcionamento das comportas, teranse en conta tres fundamentais: que a prioridade vai ser sempre o marisqueo na zona, que a auga do Saco de Fefiñáns vaise renovar todos os días, e que técnicos cualificados van realizar controis periódicos sobre as condicións e calidade da auga.

A comisión tamén xulga convinte redactar un calendario de aperturas e peches das comportas cun mes de antelación, e, a proposta da Confraría, acordaráse puntualmente se as abren ou as pechan en función de situacións extraordinarias, como poderían ser  as secas do verán.

Outro compromiso que cumprirá esta comisión será a de non permitir que entren en funcionamento as comportas ata que se remate o proxecto de saneamento do Saco de Fefiñáns, que vai levar a cabo a consellería de Medio Ambiente cun investimento de 1,2 millóns de euros.

12 de febreiro de 2014 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.