Porto do Son contará no próximo curso escolar 2015/16 coa primeira escola pública da localidade con 41 prazas
A localidade de Porto do Son contará coa primeira escola pública para o próximo curso escolar 2015/16. A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, mantivo hoxe en Santiago unha xuntanza co alcalde desta localidade, Luis Oujo, para anunciarlle que previsiblemente no próximo mes asinarase o convenio de colaboración co Concello para a construción deste centro infantil de 0-3 anos.
A escola infantil contará cun total de 41 prazas públicas e estará emprazada no antigo edificio do Instituto Social da Mariña (ISM), na rúa Atalaya, preto da Casa Consistorial de Porto do Son.
O departamento autonómico prevé que as obras poidan estar rematadas este mesmo ano, polo que se prevé que a posta en marcha da escola infantil sexa para o próximo curso escolar, segundo indicou a titular de Benestar ao remate da xuntanza.
A posta en marcha de prazas públicas en escolas infantís de 0 a 3 anos é un dos obxectivos fundamentais do Plan de Dinamización Demográfica de Galicia, que conta con 69 medidas, e que pretende mellorar a conciliación da vida familiar, laboral e persoal dos galegos e galegas.
Así mesmo, enmárcase na aposta da Xunta de Galicia pola conciliación da vida familiar e laboral, un obxectivo que na pasada lexislatura deu como froito a posta en marcha de 3.000 prazas públicas para nenos e nenas de 0 a 3 anos.











