Pontevedra acolle coros e contos para sensibilizar á sociedade sobre a problemática da diabete infantil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Asociación de Nenos/as con Diabete de Galicia (Anedia) organiza o vindeiro venres 28 de febreiro a primeira gala solidaria dende a súa constitución no mes de abril de 2013 co fin de sensibilizar á sociedade sobre a problemática específica da diabete na idade infantil.

A I Gala Contos Coros Azuis está prevista para as 18.00 horas no Teatro Principal de Pontevedra e está dirixida fundamentalmente a un público infantil de entre 2 e 16 anos, se ben está pensada para o ocio do público en xeral, para que os adultos que acompañen aos nenos tamén gocen dunha tarde entretida ao tempo que solidaria. A actriz Isabel Risco será a encargada de presentar a gala, que contará con actuacións de contacontos, música e baile e terá un prezo de 3 euros. A asociación tamén habilitou unha fila 0 para as persoas que non poidan acudir, pero desexen colaborar. E entre outras persoas e entidades agradece a colaboración do Concello de Pontevedra na súa organización.

Os contacontos correrán a cargo de Soledad Felloza, Codia e Miolo e Raquel Queizás e abordarán unha temática especifica para axudar a sensibilizar sobre as dificultades coas que se atopa un neno ou nena con diabete en Galicia non vinculadas á súa propia enfermidade, senón motivadas pola sociedade que os rodea. Ante todo son nenos e nenas, mozos e mozas que teñen as mesmas necesidades e desexos que os demais. Entre todos podemos facer que non se sintan diferentes por ter diabete.

O apartado musical da gala correrá a cargo da Coral Polifónica de Pontecesures; o Coro Infantil Melodías de Pontecesures; as solistas Mercedes Tilve e Cristina Martiño; e a pianista Irene Pérez Bornstein. Na parte de baile, actuará a Escola de Danza Clásica A Saleta.

Anedia é unha asociación de ámbito autonómico que ten entre os seus obxectivos reivindicar a asistencia médica, especializada e multidisciplinar para todos os nenos/as con diabete; instar á Administración Educativa a que proporcione todos os medios necesarios para o autocoidado da diabete; proporcionar información e unha axeitada Educación Diabetolóxica; ou potenciar a relación entre familiares e nenos/as con diabete e prestar apoio ós familiares. Todos os fondos recadados adicaránse á consecución destes obxectivos. As entradas poden adquirise a través de Servinova.

19 de febreiro de 2014 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.