Ponte Caldelas destinará 2.370 euros aos premios do concurso de disfraces de Entroido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O Concello de Ponte Caldelas destinará un total de 2.370 euros en premios para os participantes no concurso de disfraces do entroido cuxo desfile terá lugar o martes 4 de marzo, a partir das 21:30 horas.

Co obxectivo de ampliar a oferta do entroido para os máis pequenos, este ano celebrarase tamén un festival infantil para todos os nenos que queiran acudir disfrazados o domingo 2 de marzo, a partir do cinco da tarde, na Alameda. No caso de que as condicións meteorolóxicas impidan o seu normal desenvolvemento neste lugar, a festa trasladarase ao salón de actos do Colexio Cordo Boullosa.

Todas aquelas persoas, grupos e comparsas que queiran participar na edición deste ano poderán inscribirse nas oficinas municipais, en horario de 9 a 14 horas, cubrindo un impreso normalizado facilitado para ese efecto antes do 3 de marzo. O impreso pode ser descargado desde a páxina web www.pontecaldelas.org e deberá ser presentado no Consistorio ou por fax (986 75 00 20).

Os premios do desfile aos que se poderán optar son os de comparsas (primeiro premio de 1.000 euros, o segundo de 500 e o terceiro de 300 euros), grupos (o primeiro levará 200 euros, o segundo 150 e o terceiro 100 euros) e en categoría individual e comparsa infantil dotados de 70 e 50 euros respectivamente nun único premio para cada un deles.

As comparsas terán un mínimo de 15 participantes e poderán estar acompañadas de carroza, valorándose que a música sexa en directo realizada con instrumentos musicais e interpretarán as súas composicións e pasacalles de entroido. Deberán tamén gardar unha unidade temática tanto no seu vestiario como na súa actuación.

En canto aos grupos que poden participar no concurso e o desfile de entroido en Ponte Caldelas deberán estar formados por un mínimo de 5 integrantes, poderán ir acompañados de carroza e terán tamén que gardar unha unidade temática.

Polo que respecta  os disfraces individuais que entren en concurso valoraráselles a súa orixinalidade e dificultade na súa elaboración así como o bo humor desenvolvido polo participante.

O desfile de comparsas e grupos que se celebra o martes de entroido en Ponte Caldelas cumpre xa o seu décimo primeira edición, consolidándose como unha cita importante para todas as comparsas, que se organiza en toda a comarca.

7 de febreiro de 2014 | 19:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.