Pasan a disposición xudicial as tres persoas detidas por matar a golpes ao ancián de Poio

Entrada aos xulgados dos tres detidos polo crime de Poio
Os tres detidos en relación coa morte a golpes dun ancián para cobrar a súa herdanza comezaron a pasar a disposición xudicial este mesmo xoves.
A partir das 11,35 horas empezaron a chegar ao edificio dos xulgados da Parda en Pontevedra os detidos polo asasinato de Secundino Prego Amil, un octoxenario residente en Chancelas, na localidade pontevedresa de Poio.
Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o xulgado de instrución número dous alzou o segredo das actuacións e decidiu que sexa un xurado popular o que decida sobre o procedemento.
Ao longo da mañá, Albertina T.F.; a súa parella, Belarmino G.P.; e Rocío G.G. irán comparecendo no despacho para prestar declaración ante o titular do xulgado de instrución número dous de Pontevedra, Xermán Varela.
Os detidos chegaron á sede xudicial cando estaban a piques de cumprirse as 72 horas que marca a lexislación española como tope para que unha persoa permaneza arrestada sen ser posta a disposición xudicial ou en liberdade.
AS MULLERES, PRESUNTAS AUTORAS
Segundo fontes oficiais do Instituto Armado, considérase ás mulleres, coidadoras do ancián, as presuntas autoras materiais da súa morte a golpes, mentres que o home foi arrestado por, supostamente, prestar colaboración.
Entre as dilixencias practicadas durante os sete días que durou a investigación atópanse a intervención dos teléfonos, o seguimento dos sospeitosos e a toma de declaración a múltiples testemuñas (entre outros, os veciños de Poio, unha antiga coidadora de Secundino e traballadores da discoteca A Lúa, onde pasara a noite horas antes do suceso).
Os tres arrestos precipitáronse despois de que Rocío, a máis nova das detidas, publicase no seu perfil de Facebook a súa intención de voar ao estranxeiro.
O MÓBIL, A HERDANZA
O asasinato de Secundino P.A. tivo como móbil máis probable a herdanza este. E é que, segundo desvelaron o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello, e o coronel da Garda Civil de Pontevedra, Manuel Davó, unha das mulleres fora nomeada herdeira universal do falecido unha semana antes do crime.
As dúas mulleres atopábanse na vivenda no momento da morte e foron quen alertaron ao 112 de que se estaba producindo un roubo. Atribuírono a “dous homes novos” que haberían huído nun vehículo pequeno de cor branca en dirección a Sanxenxo.











