Participación Cidadá de Mos oferta unha excursión ás termas de Monçao para os maiores
A concellería de Participación Cidadá mosense, dirixido pola edil Kely Monzón, organiza unha excursión para os maiores do municipio ás Termas de Monçao. Esta excursión está programada para o 20 de marzo e o prezo por participante é de 28 euros.
Enmarcada dentro do programa Tempo de Excursións, a edil Kely Monzón sinala como “obxectivo final que as persoas con menos posibilidades de ocio teñan a posibilidade de desfrutar do tempo de ocio viaxando con xente do seu entorno, así como coñecer novos lugares, novas culturas, etc.”. Tendo en conta a demanda existente, decidiuse organizar unha excursión ás termas de Monçao, Portugal, viaxe que rematará cunha visita da coñecida feria de Monçao.
Os obxectivos desta actividade son fomentar o ocio saudable, facendo uso dos recursos naturais que ofrece o entorno, impulsar a participación social activa e a integración das persoas na comunidade, previr a soidade, impulsar e dinamizar as relacións sociais, promover o turismo como ferramenta de lecer, aprendizaxe e socialización.
Os beneficiarios da mesma son todas as persoas empadroadas no Concello de Mos maiores de 65 anos e maiores de 55 en condición de pensionistas. As persoas interesadas en participar nesta actividade deberán inscribirse no Rexistro Xeral do Concello de Mos, ou a través do correo electrónico: omix@concellomos.es. A folla de inscrición poderase recoller na OMIX, no Rexistro Xeral do Concello de Mos, ou ben descargándoa da web do Concello:www.mos.es.
O prazo de inscrición abriuse hoxe, 24 de febreiro, e rematará o sábado 15 de marzo,e para a inscrición será imprescindible presentar unha copia da solicitude asinada. O listado de asistentes constituirase por rigorosa orde de entrada da solicitude no Rexistro do Concello. O día luns 17 de marzo farase pública a lista de admitidos.











