Pais e nais de varios centros educativos de Ferrol participaron no programa “Máis que un teito”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol, que dirixe Rosa Martínez Beceiro, informou esta mañá sobre diferentes programas de prevención de drogodependencia no ámbito familiar, que o Concello de Ferrol realiza a través da entidade Asfedro. Un total de 48 pais e nais participaron nas primeiras Escolas para pais e nais do programa de prevención universal “Máis que un teito”. Esta iniciativa desenvolveuse en catro centros educativos do termo municipal -CPR Ludy, IES Carvalho Calero, CEIP Recimil e CEIP Isaac Peral- e tamén contou coa participación de pais e nais do CEIP Ponzos. As datas de celebración da iniciativa foi entre os pasados meses de novembro e xaneiro

“Máis que un teito” tratou diferentes módulos como a comunicación familiar e os estilos educativos, normas e límites ou información sobre drogas e riscos das novas tecnoloxías da información e da comunicación. Así, o vindeiro mércores, día 5, ás 16:30 horas se iniciará unha nova Escola para pais e nais no Colexio Lestonnac. En canto ao programa de prevención selectiva “En familia todos contan”, o centro de Asfedro acollerá en breve unha escola para pais e nais. Así mesmo, o programa de prevención indicada “Entre todos” conta coa participación de tres familias.

Curso de mediador xuvenil

Por outra banda, a concelleira responsable das políticas sociais do municipio ferrolán tamén informou de que 17 persoas participan, dende o pasado 22 de xaneiro, no curso de mediador xuvenil en drogodependencias que realiza a Asociación de Ex-Alcohólicos de Ferrolterra. A día de hoxe, xa se impartiu o módulo de prevención en drogodependencias repartido en dúas sesións. Así, o vindeiro mércores día 5 o alumnado participante realizará o módulo historia, concepto e clasificación das drogas.

3 de febreiro de 2014 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.