Ourense continuou perdendo autónomos durante o 2013

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O número de afiliados ao RETA en Ourense situouse o pasado decembro en  25.818  autónomos,  o que supuxo unha diminución  de 102  persoas  con respecto ao ano anterior (25.920),  segundo datos de afiliación publicados pola Seguridade Social e analizados pola Federación de Autónomos de Galicia.

Se ben atopámonos ante un balance negativo, trátase do menor descenso interanual de afiliados que se computa dende o 2006, pois dende esta data ano tras ano foron rexistrándose cuantiosas perdas de traballadores por conta propia, sendo o resultado máis nefasto o do 2009, cando se deron de baixa 863 autónomos.

A situación da provincia de Ourense durante este pasado ano non é o reflexo do resto da Comunidade Autónoma, pois facendo unha análise global, Galicia foi sumando novas afiliacións co transcurso do ano, pechando o 2013 cun aumento de 6 traballadores por conta propia máis co ano anterior na mesma data. Se excluímos deste cómputo ao réxime agrario (no que houbo moitas baixas), o número de autónomos  propiamente dito incrementouse en 1.522 afiliados con respecto ao 2012.

SITUACIÓN  ACTUAL DOS AUTÓNOMOS NA PROVINCIA DE OURENSE

Dos 25.818 traballadores por conta propia da provincia, o 9,5% encádrase dentro do S.E.T. Agrario (2.444 afiliados), mentres que o restante 90,5% está afiliado no réxime Non SETA (23.374). Neste último, o 63% son homes (14.771); pola contra, no agrario a maioría son mulleres (o 65%, 1.595 afiliadas).

Entre o número total de autónomos en Ourense, atopamos 673 estranxeiros, dos cales 337 pertencen á Unión Europea e 336 son de fóra da zona comunitaria.

Os sectores de actividade que contan con maior número de traballadores por conta propia son o de Comercio e Reparación de vehículos (6.377), Construción (4.068), Agricultura, gandeiría, silvicultura e pesca (3.499), Hostelería (3.034), Industria manufactureira (2.339), Outros servizos (1.585), Actividades profesionais, científicas e técnicas (1.191), Transporte e almacenamento (1.169), Actividades sanitarias e servizos sociais (530), e Actividades financieiras e de seguros (467).

Os municipios con maior número de autónomos en situación de alta na provincia ourensá, a 31 de decembro de 2013, son: Ourense cidade (que conta con 8.056 afiliados), O Carballiño (con 1.380), Xinzo de Limia (que suma 1.237), Verín (con 1.157), e O Barco de Valdeorras (con 1.014 autónomos).

4 de febreiro de 2014 | 18:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.