Ourense aproba a gratuidade das tarxetas de autobuses para as persoas desempregadas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+

A Comisión de Pleno do Concello de Ourense ditaminou favorablemente na súa xuntanza desta mañá tres propostas de acordo que serán presentadas a aprobación por parte do Pleno do Concello na súa próxima sesión, ordinaria do mes de marzo, que terá lugar o vindeiro venres, día 7.

1. Aprobación definitiva da modificación da ordenanza fiscal nº 28 reguladora da taxa pola prestación do servizo de transporte urbano colectivo de viaxeiros, que permitirá que as persoas desempregadas da cidade podan viaxar gratuitamente no servizo de autobuses urbanos. Esta modificación inclúe tamén que, para dispoñer das tarxetas Milenio para pensionistas e terceira idade, que permiten tamén viaxar gratuitamente nos autobuses urbanos, se engadirá un novo requisito, que a persoa usuaria acredite unha capacidade económica inferior ao 150% do IPREM

No acordo se estima parcialmente a alegación presentada pola empresa concesionaria, Autobuses Urbanos de Ourense, S.L, en relación con estas ultimas tarxetas. As tarxetas actuais seguirán vixentes ata a súa data de caducidade, mentres que para os novos usuarios da tarxeta e para os que teñan que renovalas, o cumplimento dos requisitos esixidos deberá acreditarse a partir de 1 de xullo de 2014.

A proposta de acordo foi ditaminada favorablemente polo grupo municipal de PSdeG-PSOE e abstención de PP, BNG e DO.

2. Aprobación inicial da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Urbana que permitirá destinar a zona verde os terreos na zona da Chavasqueira nos que o planeamento vixente autorizaba a construción dun tanatorio. Trátase dunha parecla lindante co cemiterio de As Caldas, no barrio de A Chavasqueira, da que se elimina o uso industrial previsto no Plan de Urbanismo actualmente vixente. No seu lugar establécese un espazo libre que se destinará a zona verde.

A proposta de acordo foi ditaminada favorablemente polo grupo do PSdeG-PSOE e abstención de PP, BNG e DO.

3. Recoñecemento extraxudicial de créditos 2P/2014, consistente en recoñecer a favor da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil a cantidade de 3.661,22 euros en concepto de dúas sancións administrativas.

Neste caso, a proposta de acordo pasa a pleno cos votos a favor do PSdeG-PSOE, en contra de PP e abstención de BNG e DO.

Regulamento do Inventario Xeral

Finalmente, a Comisión de Pleno abriu o período de presentación de emendas por parte dos grupos políticos ao proxecto de regulamento de inventario xeral do Concello de Ourense. O documento, elaborado polo Departamento de Planeamento, ten como obxectivo establecer a organización, funcionamento e procedemento de aprobación do Inventario municipal e facilitar a súa xestión.

O regulamento define, entre outros aspectos, a estrutura, réxime xurídico, as competencias dos diferentes órganos municipais, os procedementos de aprobación, actualización e comprobación, así como a organización do contido, as operacións de altas e baixas e a inscrición dos bens e dereitos municipais nos rexistros públicos, entre outros aspectos.

28 de febreiro de 2014 | 15:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.