Os veciños da Magdalena coñecen o proxecto de recuperación do Cantón de Molíns e da Alameda

Rey Varela na presentación do proxecto
O Goberno Municipal de Ferrol retomou o Plan de Barrios cunha terceira fase que hoxe arrincaba en A Magdalena e Ferrol Vello. Deste xeito, o Executivo local da continuidade a este programa integral de coordinación dos servizos municipais e das empresas que traballan para o Concello de Ferrol. O obxectivo desta terceira fase é avanzar na atención das demandas do día a día da cidadanía, seguir mellorando –paso a paso- a imaxe de cada barrio e parroquia da cidade con intervencións de conservación e mantemento e propiciar unha maior proximidade da Administración e os representantes públicos ao cidadán.
Así as cousas, o alcalde da cidade, Jose Manuel Rey Varela, se reunía esta mañá cos membros da directiva da Asociación de Veciños da Magdalena, e posteriormente o rexedor municipal se desprazaba ao barrio de Ferrol Vello para manter unha xunta de traballo cos representantes da entidade veciñal. Na xuntanza tamén participaron os concelleiros de Urbanismo, Servizos e Participación Cidadá –Guillermo Evia Pérez, Borja Carro Muñoz e Martina Aneiros Barros, respectivamente-, así como a edil de barrio María del Carmen García Fraga. Por parte do Concello de Ferrol tamén asistiron á reunión os supervisores dos servizos que presta a Administración municipal, coa finalidade de explicar máis polo miúdo aos representantes dos veciños as intervencións realizadas e tomar nota das novas demandas e suxestión que os directivos das entidades veciñais lle trasladaron ao rexedor.
En canto aos traballos de mellora e mantemento feitas ao abeiro do Plan de Barrios en mantemento de viarios, limpeza, limpeza, pintado e sinalización, iluminación, abastecemento de augas, parques e xardíns e zonas de xogos infantís, o montante total dos mesmos ascende a un total de 125.503,1 euros. Dentro desta cifra, destacan as actuacións de mantemento de viarios e beirarrúas –cunha valoración de 40.000 euros en tarefas acometidas polas cuadrillas da empresa que ten encomendada esta prestación municipal en diferentes tramos de rúas do centro e de Ferrol Vello-; e o lavado e baldeo realizado en varias rúas dos barrios así como a limpeza de contedores, papeleiras e sumidoiros, que suman un total de 47.899 euros entre A Magdalena e Ferrol Vello.
Cantón de Molíns e local veciñal de Ferrol Vello
Pero ademais de repasar as actuacións de mellora e mantemento desta terceira fase do Plan de Barrios, Rey Varela aproveitou o encontro cos veciños de A Magdalena para dar a coñecer as primeiras imaxes da proposta elaborada polo Goberno municipal para a mellora do Cantón de Molíns. Unha intervención que o primeiro edil da cidade considerou prioritaria para o ano 2014 “igual que o Raíña Sofía foi a prioridade do pasado ano” engadiu. Neste senso, o rexedor sinalou que “trataremos de cumprir os prazos para mellorar un dos grandes espazos públicos no corazón da nosa cidade”.
Ao respecto desta intervención, o concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Contratación do Concello de Ferrol, Guillermo Evia Pérez, explicou que o proxecto está dividido en dúas fases: a primeiro que afecta ao Cantón e a Alameda, e a segunda que se centra nos Xardíns das Angustias. Con respecto á primeira fase que se centra no Cantón de Molíns e a Alameda, destacou que “permitirá recuperar a identidade que tiña o Cantón dende sempre” e “será un espazo de uso e goce de todos os ferroláns”, matizou Evia Pérez.
Así, a mellora deste espazo situado no barrio da Magdalena incluirá a recuperación do pavimento que existe na Alameda e traspasalo aos xardíns de deseño máis recente; a colocación de lousa de granito regular para o paseo que una a Alameda cos xardíns; a recuperación dos antigos bancos de pedra de Moeche e a instalación de reproduccións das estatuas dos Xardíns de San Francisco. Asemade, manterase o parque infantil e se completará coa instalación dunha paxareira. O prezo de licitación do proxecto de mellora do Cantón de Molíns ronda os 1,3 millóns de euros e, segundo informou o concelleiro de Urbanismo, está pendente do informe de Patrimonio, aínda que xa ten o ditame favorable da Comisión de seguimento do PEPRI da Magdalena.
Evia Pérez tamén avanzou que a Xunta de Goberno Local, celebrada na xornada de onte, aprobou a iniciación do expediente de resolución do contrato das obras do local da Asociación de Veciños de Ferrol Vello á empresa Construcciones y Contratas Herculinas S.A.. O edil de Urbanismo explicou que ante a imposibilidade de contactar coa empresa adxudicataria e logo de que os traballos acumulen meses de paralización , a Administración local procederá á publicación do dito expediente no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP). Así, a empresa disporá dun prazo de 10 días para presentar as súas alegacións, e se non se tramita ningunha suxestión “será iniciado o expediente de liquidación para volver a notificalo á empresa e así rescindir o contrato para poder licitar as obras pendentes” explicou Guillermo Evia.











