Os traballos de rehabilitación do Castelo de Pambre pretenden convertelo “nun reclamo turístico de primeira magnitude”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoPalas de Rei
A-
A+
Raquel Arias na visita a Palas de Rei

Raquel Arias na visita a Palas de Rei

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, visitou hoxe os traballos de rehabilitación do Castelo de Pambre (Palas de Rei) e explicou as características principais deste proxecto destinado a converter o monumento “nun reclamo turístico de primeira magnitude” para a provincia de Lugo.

Arias apuntou que se trata de aproveitar para a comarca “dende o punto de vista patrimonial, turístico e económico este marabilloso monumento”, declarado Ben de Interese Cultural e situado ademais na zona de respecto doutro BIC, o Camiño de Santiago Francés. Para elo, engadiu, “apóstase por usos culturais, eventos expositivos e experienciais, que poidan contribuír á difusión e conservación do conxunto e á dinamización do entorno”.

Así, a delegada sinalou que se actuará sobre varias estruturas: o pazo e as edificacións anexas, a torre da homenaxe e a capela, entre outras. As intervencións xerais consistirán na eliminación da vexetación maior e a conservación das estruturas dos muros, cubertas, forxados e outros elementos construtivos.

Rehabilitarase o conxunto da edificación residencial (casa pazo, casas de caseiros, e almacéns) facendo accesibles e visitables as mesmas e previndo unha futura musealización, e facilitarase a visita aos diferentes recintos, salvando e considerando os restos arqueolóxicos, de forma accesible.

En concreto, unha das casas que data da década dos 50 do pasado século será restaurada para albergar un bar e tenda de produtos da zona na planta baixa e comedor na planta superior.

Tras da restauración, proporase aos visitantes un circuíto que, deténdose en diversos puntos, permita unha comprensión global do castelo e das súas personaxes, da paisaxe do entorno, da construción e da historia do conxunto. Haberá visitas individuais, para as zonas accesibles e máis seguras, e visitas guiadas en pequenos grupos.

Entre outros puntos de interese está previsto que o pazo e os anexos acollan distintos espazos interpretativos –sobre os Ulloa e sobre o Camiño- e servizos como unha recepción de visitantes ou sala de vídeo adaptada para proxeccións e conferencias.

Arias sinalou que Turismo de Galicia inviste 1.668.000 euros nestas obras co obxectivo -segundo indicou Arias- de “poñer en valor e aproveitar as oportunidades turísticas que nos ofrece un patrimonio monumental tan extraordinario como o que conforma o conxunto do Castelo de Pambre”.

A delegada explicou que están preto de rematar os traballos de escavación arqueolóxica, que se viron ampliados á vista dos importantes achados que ían aparecendo. “Dende o punto de vista estritamente cultural –afirmou- as obras no castelo xa nos están a dar os primeiros réditos, descubrindo un valiosísimo patrimonio arqueolóxico que permitirá ampliar os coñecementos históricos sobre a fortaleza e o seu entorno”.

As obras deron comezo a finais do pasado mes de outubro e tiñan un prazo de execución de nove meses, que se viu condicionado pola ampliación dos labores de control e estudo arqueolóxico.
 

20 de febreiro de 2014 | 13:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.