Os temporais destrúen boa parte do sendeiro litoral de Castrelo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambados
A-
A+
Destrozos no sendeiro do Castrelo

Destrozos no sendeiro do Castrelo

Os efectos dos temporais das últimas datas deixáronse notar con algúns enclaves danados na costa cambadesa, sobre todo no sendeiro litoral Castrelo-Dena, inaugurado en 2013, que perdeu varios dos seus tramos polo empuxe das marexadas. Os danos non están aínda valorados, pero son moi cuantiosos.

Precisamente, un dos puntos máis afectados foi o da praia das Saiñas, onde o Concello intentou situar unha barreira de pedra, o pasado mes de outubro, para protexer o sendeiro litoral contra a forza da marea que xa en invernos anteriores causara o deterioro da costa.

A barreira era unha medida preventiva que procuraba evitar a erosión do mar sobre o camiño paralelo ó areal das Saiñas. Non se danaba o medio natural nin había mala intención algunha naquel rompeolas que denunciou o Bloque de xeito inmediato para evitar a súa instalación provisional. O mar bravo dos últimos días socavou a terra do camiño, arrancou os soportes de madeira que delimitaban o sendeiro e mesmo danou muros de contención. 

As obras do sendeiro litoral Castrelo-Dena, camiño de terra batida de 6 quilómetros de lonxitude, leváronse a cabo cun investimento da conselleria de Medio Ambiente que ascendeu a uns 275.000 euros. Agora deberá ser restaurado e protexido nunha gran parte do seu traxecto.

O proxecto do vieiro litoral incluiu a realización do camiño en xabre cunha anchura media de 2 metros; construíronse pasarelas de madeira nos tramos nos que as condicións do terreo o esixiron, e contaba ademais con sinalización e carteis interpretativos.

7 de febreiro de 2014 | 19:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.