Os Scouts galegos elixen Neda para celebrar un dos seus encontros anuais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaNeda
A-
A+

Neda convertiráse esta fin de semana na capital galega dos Scouts. E é que a ASDE Scouts de Galicia, federación autonómica que aglutina a todos os grupos scout da Comunidade dirixidos por adultos voluntarios, elixiu a real vila para celebrar un dos seus encontros anuais. Unha actividade na que colabora o Concello, a través da Concellería de Promoción Turística, e que patrocina a Xunta, a través da Dirección Xeral de Xuventude.

Deste modo, scouts procedentes de toda Galicia, cos seus respectivos monitores, chegarán o sábado ao Centro Cívico, onde establecerán o seu campamento base. E, alí, desenvolverán a primeira actividade: un encontro interxeneracional con persoas maiores de Neda. Con el, queren coñecer a historia da real vila, os seus muíños, o río Belelle… e, ao mesmo tempo, que os maiores coñezan a labor dos scouts e poidan pasar unha mañá entretida.

Xa pola tarde, o continxente dividiráse en catro grupos para realizar a senda circular de Neda que, a día de hoxe, se atopa deshomologada e bloqueada en varios puntos. Con material de desbroce e pintura, todos eles irán limpando a ruta e marcándoa. Unha importante labor que irá en beneficio do turismo da localidade.

De regreso ao Centro Cívico, prepararán un concurso de filloas –moi propio destas datas– e, xa pola noite, unha velada vinculada coa historia de Neda.

Para rematar, o domingo os scouts regresarán xa todos ao último tramo da senda, máis complexo de limpar, preto de Lobeira. Uns traballos que se prevé se extendan ata a hora do xantar. Este será o punto final da fin de semana scout en Neda.

19 de febreiro de 2014 | 12:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.