Os rapaces do Club de Debate carballés participaron en Ames na xornada formativa da fase clasificatoria
Os rapaces e rapazas do IES Parga Pondal de Carballo que participan no Club de Debate veñen de manter esta semana no Concello de Ames a xornada de formación (na imaxe) que serve de punto de partida para a fase clasificatoria da competición prevista para o mes de marzo no Concello de Teo. Esta actividade, que tivo lugar no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, serviu para darlle ferramentas ao alumnado e ao profesorado para mellorar as técnicas de debate. A actividade, que durou toda a mañá, centrouse en formar e preparar os equipos e persoas participantes en técnicas de expresión, comunicación e habilidades sociais. Tamén se deron a coñecer as normas, tempos e estrutura da dinámica de funcionamento do certame co obxectivo de favorecer a posta en situación por parte dos equipos. A maiores diso, abordáronse ás técnicas de busca de información, preparación de argumentos e roles, posicionamentos a favor e en contra, etc.
Tratouse dunha xornada de formación eminentemente práctica, activa e participativa. Os concellos de Ames, Carballo, Santiago de Compostela e Teo presentarán un total de nove equipos de escolares que cursan estudos de Educación Secundaria e Bacharelato a esta terceira edición do Club, sendo a zona con maior participación. O tema sobre o que traballarán os equipos de escolares que participen este ano na fase clasificatoria será “Nós a nosa idade o único que temos que facer é estudar e pasalo ben”. Case 100 estudantes de institutos dos catro concellos tomarán parte nesta fase. Para preparala, os rapaces e rapazas estiveron divididos en tres grandes grupos de 25 participantes cada un.
O alumnado foi rotando entre tres actividades diferentes que tiveron unha duración de 45 minutos cada unha. Estas actividades foron un obradoiro de técnicas de oralidade, habilidades sociais e comunicativas; un obradoiro de posta en situación denominado A dinámica do certame de debate; e un obradoiro de busca de información e preparación de argumentos. A xornada de formación rematou cunha simulación de debate por equipos. A cada equipo déuselle un tema sinxelo e de actualidade para que, en pouco tempo, elaborase unha pequena exposición inicial e unha listaxe de argumentos a favor e en contra. O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu tres equipos dos centros composteláns IES Antonio Fraguas e do IES Rosalía de Castro; catro equipos do IES Plurilingüe de Ames e do IES do Milladoiro; un equipo do IES Isidro Parga Pondal de Carballo e un equipo do IES de Cacheiras de Teo.
Os equipos gañadores do primeiro enfrontamento clasificatorio en Teo participarán na fase final que se celebrará en Ferrol o 26 de abril. O equipo gañador da fase galega conseguirá un premio dunha viaxe convivencia dunha fin de semana para 20 persoas nun lugar da xeografía galega no que, entre outras cousas, poida coñecer novos aspectos da súa realidade idiomática. A participación no Club de Debate busca incentivar entre os máis novose novas o emprego da lingua, traballar a fluidez comunicativa a través da oratoria ademais de incitar o pensamento crítico e a tolerancia. Está dirixido aos escolares de 3º e 4º da ESO ou de 1º de Bacharelato dos centros de ensino dos concellos participantes, que este ano son: Ames, Carballo, Ferrol, O Carballiño (novidade nesta edición), Pontevedra, Rois, Santiago e Teo.











