Os populares vigueses sosteñen que “darán a cara” e colaboran coa xustiza

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Vigo ▼
A-
A+
E.P.

O portavoz e secretario xeral do Partido Popular de Vigo, José Manuel Figueroa, asegurou este mércores que o seu grupo está “a dar a cara” porque non ten “nada que ocultar” aos investigadores da denominada ‘Operación Patos’.

Trátase dunha nova investigación xudicial contra a corrupción que deixou este martes en Galicia cinco detidos –que este mércores foron postos en liberdade, aínda que imputados– e 17 rexistros en dependencias municipais de seis concellos, así como en diversos organismos públicos, dependencias de empresas e domicilios particulares.

Segundo explicou Figueroa, durante os rexistros, o PP prestou “toda a colaboración e facilitou todo o que se solicitou, con absoluta normalidade”. De feito, subliñou a súa intención de “colaborar con este proceso”.

Así, incidiu en que “hai que respectar a xustiza” para “que faga o seu traballo” e asegurou que pon “á súa disposición todo o que soliciten”, xa sexan “comparecencias, informacións…, todo o que consideren oportuno”.

“O mellor para un estado de dereito é que, si abriuse un procedemento xudicial, leve até o final, e que nós respectemos o traballo dos xuíces e da xustiza e colaboremos en todo o que nos piden”, finalizou o edil.

A bautizada como ‘Operación Patos’ investiga delitos de prevaricación, suborno e tráfico de influencias na adxudicación de contratos públicos e está coordinada pola titular do Xulgado de Instrución número 7 de Vigo, que conta coa colaboración da Fiscalía. No foco, entre outras empresas, están Cespa e Eiriña.

19 de febreiro de 2014 | 16:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.