Os orzamentos de Oroso ascenden a 5,18 millóns de euros para o exercicio 2014

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

O pleno municipal de Oroso aprobou esta mañá os orzamentos municipais para 2014, que ascenden a un total de 5.183.918 euros e que supoñen un incremento do 6,33% con respecto ao exercicio anterior. O alcalde, Manuel Mirás, explicou durante a sesión plenaria que é un orzamento “equilibrado, que incrementa nun 25% a partida dedicada a investimentos produtivos e que sigue reducindo o gasto en publicidade e festexos”. Os presupostos municipais para 2014 foron aprobados cos 7 votos a favor do PSOE, e o voto negativo de PP, BNG e Partido Galeguista.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, lamentou que a oposición “nin sequera se molestase en estudar os orzamentos, que recibiron con antelación máis que suficiente e que non resultan tan complicados”. O rexedor botou en falta exposicións argumentadas e con criterio por parte dos representantes da oposición e emprazounos a facer un esforzo, xa que “na práctica non valoraron nin unha soa cifra das que lles presentamos e son unha das oposicións mellor retribuídas de toda a provincia”.

Investimentos reais

Na súa exposición en detalle das contas, Manuel Mirás destacou que o Concello de Oroso destinará en 2014 case 1,4 millóns de euros a investimentos reais, un 25,68% máis que no exercicio anterior. Así, a partida de investimentos do Capítulo 6 ascende a 1.230.245 euros, 285.108 euros máis que en 2013. Unha partida á que hai que engadirlle os 164.000 euros consignados polo Concello de Oroso para a construción da nova gardería municipal (unha partida incluída no capítulo de transferencias de capital, xa que a Xunta de Galicia decidiu que sexa o Consorcio Galego de Servizos Sociais que constrúa a nova escola infantil, para a que o Concello de Oroso e a Consellería de Traballo e Benestar xa asinaron o correspondente convenio o pasado mes de novembro).

Dentro da partida de investimentos, o proxecto con maior orzamento é a reurbanización da rúa Tambre (Sigüeiro), ao que se destinarán 135.000 euros. Deste xeito, o Concello de Oroso continúa coa súa aposta de mellorar as principais rúas da súa capital municipal, como fixera en anos anteriores coa rúa do Portiño ou a rúa Xuncal. Así mesmo, en 2014 tamén se contemplan outros 44.000 euros para a instalación de saneamento nas rúas do Barreiro e da Ulloa, tamén en Sigüeiro.

A outra gran partida dos orzamentos municipais é a dedicada a mellora da rede viaria municipal, que ascende a 274.000 euros distribuídos en varios proxectos. O máis importante, orzamentariamente falando, é o adecentamento da capa de rodadura en Altiboa, O Castro de Recouso e a Cruz de Folgoso (Marzoa), onde se investirán algo máis de 122.000 euros. Os orzamentos de 2014 tamén recollen 48.000 euros para a mellora da rede viaria nos lugares de Zan (Trasmonte), Vilares (Senra), A Igrexa (Os Ánxeles) e Piñeirón (A Gándara); e outros 47.000 euros para a mellora da rede viaria nos lugares da Estación de Oroso e O Cruceiro (Oroso). Finalmente, o Concello de Oroso destinará outros 55.000 euros para o mantemento de camiños municipais e prevé investir outros 31.000 euros no adecentamento da capa de rodadura de vial público en Pasarelos e A Igrexa (San Román de Pasarelos).

Así mesmo, o Concello de Oroso vai investir 101.049 euros na construción do punto de reciclaxe “Oroso Verde”, que estará situado nunha parcela de 2.200 metros cadrados no polígono industrial Oroso Pequeno (Sigüeiro). “Oroso Verde” contará cunha nave de 500 m2 para a separación para a súa posterior reciclaxe de diferentes tipos de refugallos tóxico: pilas, disolventes, electrodomésticos, aerosois, baterías, produtos de informática…. Canda esta nave haberá tamén contenedores para a separación de residuos: papel, vidro, envases, téxtil, plásticos agrícolas e restos de obra de particulares.

En materia de saneamento e abastecemento, os orzamentos de 2014 contemplan 116.325 euros para a instalación de saneamento en A Igrexa (Oroso); 53.000 euros para a instalación da rede de evacuación de augas pluviais en A Penela e O Cruceiro (Oroso); así como 30.000 euros para os saneamento de O Refuxio e outros 15.000 euros para o abastecemento de auga na Estación de Garga (Trasmonte).

Completan o capítulo de investimento unha vintena de obras de menor contía económica pero de gran importancia para o benestar dos veciños de Oroso como poden ser a reforma dos vestiarios do polideportivo municipal Juanito Amigo (34.558 euros), a mellora da piscina municipal (39.000 euros), o arranxo da escola de Vilacide (10.000 euros), o arranxo de locais sociais nas parroquias (20.000 euros) ou os 35.000 euros para melloras no alumeado público.

Gastos de persoal e ingresos

No capítulo de gastos, os orzamentos municipais de 2014 contemplan unha lixeira baixada dos gastos de persoal (1,27 millóns de euros fronte aos 1,28 millóns do exercicio anterior) e un incremento de 19.000 euros no capítulo de gasto corrente, que chega aos 1,93 millóns de euros. Un incremento que se xustifica tanto pola subida da electricidade e dos combustibles como polo incremento da utilización dos locais sociais que o Concello de Oroso está a adecentar nas distintas parroquias. Pola contra, os gastos financeiros redúcense en 11.000 euros e contémplanse unhas transferencias correntes de 68.000 euros á Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes para o mantemento dos servizos sociais.

No capítulo de ingresos, contémplanse 1,73 millóns por impostos directos e 120.185 euros de impostos indirectos, que rexistran unha baixada de 48.000 euros con respecto ao exercicio anterior. O capítulo de taxas e outros ingresos recollen 690.350 euros mentres que o de transferencias correntes diminúe lixeiramente ata os 1,55 millóns de euros.

17 de febreiro de 2014 | 13:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.