Os Museos Científicos da Coruña lanzan un libro interactivo para tablet
A Concellaría de Cultura anuncia que os Museos Científicos Coruñeses lanzan un libro interactivo para tablet. Esta publicación está pensada como un recurso didáctico para introducir nas aulas un tema que apenas chegou aos libros de texto. Ademais de presentar a biodiversidade mariña como unha fonte de novos fármacos, este libro lembra os remedios medicinais que tradicionalmente se extraeron do mar, e indaga como diferentes culturas recorreron ao mar para curar doenzas e enfermidades.
Trátase dun e-book multitáctil deseñado para iPad, que contén xogos interactivos, vídeos, fotogalerías, modelos tridimensionales e presentacións multimedia. Preparado para uso colectivo na aula, ou de forma individual, inclúe contidos que permiten, por exemplo, coñecer os organismos mariños dos que se extraen novos medicamentos contra o cancro, explorar en 3D moléculas candidatas a converterse en novos fármacos ou descubrir as aplicacións médicas de sustancias que as especies mariñas usan como armas químicas.
Co título A farmacia do mar, é unha adaptación dos contidos da exposición Farmacuáticos. A botica do mar, clausurada o pasado mes de novembro e que falaba do mar como fonte de recursos para a investigación biosanitaria, producida para o Aquarium Finisterrae coa colaboración de PharmaMar (grupo Zeltia).
Con este libro dáse continuidade á exposición e abre unha liña na oferta de recursos dixitais que os Museos Científicos Coruñeses publican na súa web. O libro pode descargarse de maneira gratuíta desde a web dos Museos Científicos: http://mc2coruna.org/emuseo/?woo_extras=a-farmacia-do-mar.











