Os mosenses poden fraccionar o pago dos impostos municipais no período voluntario de ingreso
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, informou hoxe á veciñanza mosense de que onte pola tarde aprobouse en Xunta Local de Goberno a posibilidade de fraccionar o pago dos impostos municipais en periodo de pagamento voluntario. A rexedora local anunciou que para adherirse a este plan de fraccionamento, de ata en dúas cuotas e sen cargos adicionais de intereses, os mosenses interesados deben presentar a súa solicitude dentro do prazo establecido, que xa se atopa aberto.
Neste sentido a rexedora local declarou que “tendo en conta os tempos de crise económica que corren e que a lacra do paro está a afectar a moitas familias mosenses, dende o Concello de Mos decidimos favorecer ós contribuíntes con facilidades de pago dos seus recibos de impostos municipais, mediante un sistema especial de pago”.
Dito sistema, aplicable ó imposto de rodaxe, á taxa pola recollida do lixo e ó IBI (Imposto sobre Bens Inmobles), consiste en que tódolos habitantes de Mos interesados poden fraccionar en dous prazos sen intereses o pago destes tributos, previa presentación formal de solicitude. En cada un dos dous prazos aboarase o 50% do importe total do recibo ou recibos correspondentes.
Os interesados en acollerse a esta facilidade de pago mediante a que poden fraccionar os seus recibos en dous prazos sen que supoña recargo algún, teñen de prazo para presentar as súas solicitudes ata o 30 de abril no caso do Imposto Sobre Vehículos de Tracción Mecánica, ata o 31 de marzo no caso do IBI e ata o 30 de setembro no caso da Taxa pola Recollida de Residuos Sólidos Urbáns. Cada interesado en fraccionar os seus pagos deberá presentar, xunto coa súa solicitude, a correspondente domiciliación bancaria (IBAN).
Dende a administración local mosense preténdese que esta medida sirva de axuda e facilite os deberes tributarios dos veciños, xa que dende o Concello ése consciente de que se fan máis complicados de asumir dada a difícil situación económica actual. O obxectivo desta medida é darlles ós contribuíntes facilidades para o cumprimento das súas obrigas tributarias, xa que, ademais de permitirlles un pagamento gradual dos impostos, fai máis doada a súa xestión.
Procedemento
Unha vez presentada a solucitude de fraccionamento polo veciño/a interesado/a, entenderase automáticamente concedido este sistema especial de pagamento, tendo validez por tempo indefinido e en tanto non exista manifestación en contra por parte do interesado ou deixen de facerse os pagos.
Unha vez solicitado e concedido o fraccionamento, a primeira fracción cargarase en conta o primeiro día do prazo que se estableza en período voluntario para cada tributo e o segundo prazo farase efectivo nos últimos días do mesmo período voluntario.











