Os meniños da gardería de Brión abren as celebracións do Entroido co desfile “Primavera, xa!”
Os meniños da Aula 3 da gardería municipal de Brión, de pouco máis dun ano de idade, abriron esta mañá as celebracións do Entroido en Brión cun peculiar desfile reivindicativo baixo a lenda: “Primavera xa!”. Un desfile que fixeron diante dos seus pais e nais, que tamén foron as encargadas de confeccionar os disfraces dos pequenos en colaboración cos mestres e cos seus propios fillos.
Así, durante a pasada semana, os pais e nais dos pequenos acudiron á gardería para colaborar na elaboración dos traxes, feitos con material de reciclaxe. Así, por exemplo, os pequenos pintaban os adornos florais que levaban mentres que os seus familiares se encargaban de recortar as flores, xa que os pequenos aínda non teñen idade para facer esas tarefas. Un traballo que, ademais da súa vertente lúdica, serve tamén para incrementar a relación e a implicación das familias coa propia escola infantil de Brión.
Aínda que os pais coñecían que a temática era a primavera, a sorpresa chegou cando os pequenos apareceron ataviados cos disfraces e as pancartas “Primavera, xa!”, un xeito divertido de protestar ante un inverno especialmente duro e que, por exemplo, impedirá a celebración ao aire libre do tradicional desfile de entroido da gardería, previsto para mañá xoves ás 10:15 horas. Un desfile que terá lugar no patio interior cuberto da gardería. Para o venres queda a gran Festa de Disfraces, á que tamén están convidados os familiares dos pequenos cunha única condición: teñen que vir disfrazados.
Con estas festas, o Concello de Brión comeza o seu programa de Entroido que culminará o domingo 9 de marzo co tradicional Concurso de Disfraces. As inscricións estarán abertas ata as 16:00 horas do domingo 9 de marzo na Casa da Cultura ou no teléfono 981 50 99 08.
As bases do concurso establecen un total de catro categorías. Na primeira delas participarán nenos e nenas menores de 11 anos, que se repartirán tres premios de 50, 40 e 20 euros canxeables por libros, xogos ou material escolar. Na categoría xuvenil, de 12 a 17 anos, os premios serán de 55, 40 e 20 euros en material didáctico. Na categoría de adultos (maiores de 18 anos) haberá dúas modalidades: individual, con premios de 100 e 75 euros; e parellas, con premios de 150 e 100 euros. Finalmente, na categoría xeral establécense tres modalidades de concurso: Grupos (de 3 a 9 persoas) con tres premios de 200, 150 e 100 euros; Comparsas (10 ou máis persoas) con galardóns de 300, 200 e 150 euros; e Carrozas, con tres premios de 200, 150 e 100 euros. As bases do concurso poden consultarse e descargarse na web municipal www.concellodebrion.org.











