Os maiores do xeriátrico de Ribadumia levan o Entroido a casa do Concello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadumia
A-
A+
Os maiores disfrazados ante o Concello

Os maiores disfrazados ante o Concello

Os residentes do xeríatrico de Ribadumia visitaron esta mañá a casa do Concello. Chegaron cos seus disfraces de Galiña, personaxe típico do Entroido local, e con doces propios de estas festas.

A actividade forma parte da programación de ocio preparada dende a entidade para os seus residentes, adiantándose a celebración que en Ribadumia se prepara para nenos e maiores.

A primeira cita terá lugar o luns 3 de marzo en Barrantes co festival infantil que ten lugar no Centro Social da parroquia. Será a partir das 17.00 horas haberá un Concurso de disfraces no que se valorará a creatividade, a elaboración propia, o traballo artesanal e o emprego de materiais de refugallo nos deseños. Os premios na categoría individual serán de 30 euros para menores de 5 anos, de 6 a 9 anos e de 10 a 16 anos. No que respecta ás parellas, o premio serán 60 euros para cada tramo de idade. E en grupos, haberá un premio de 120 euros para os que estean formados por entre 3 e 5 nenos, e de 200 euros para os grupos de máis de cinco rapaces. Ademais dos premios, durante o baile tamén se sortearán dúas bicicletas e vales de compra para o comercio local.

O sábado día 8 terá lugar o Enterro da Galiña, que organiza a Asociación de Veciños de Barrantes coa colaboración do Concello de Ribadumia e da Asociación de Comerciantes de Ribadumia. A saída será ás 19.00 horas desde o Centro Social de Barrantes, e a comitiva percorrerá as rúas de Barrantes acompañando á “Nosa Querida Galiña” ata chegar á Casa do Concello, onde se lle dará lectura das últimas vontades e renderlle os honores que se merece.

Ás 20.00 horas darase lectura ao Pregón do Entroido 2014 e a continuación o concurso e desfile de disfraces. Os premios este ano serán en vales de compra para consumir no pequeno comercio adherido a Asociación de Comerciantes de Ribadumia, procurando así dinamizar os negocios locais. Na categoría individual o premio será de 100 euros en vales de compra, para a parella gañadora haberá 200 euros tamén en vales,  mentres que o grupo repartirá un total de 300 euros para gastar no comercio local de Ribadumia.

Ás 21.00 horas volverase ao Centro Social de Barrantes para dar sepultura á Defunta Galiña, acompañados pola Agrupación Músico Cultural de Ribadumia. A velada continuará cun baile con música en directo do Dúo Musical Azabache.

28 de febreiro de 2014 | 19:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.