Os interesados en participar no concurso de carrozas e disfraces do Entroido de Vilagarcía poden inscribirse a partir de mañá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Concellería de Cultura abre mañá, xopves 20 de febreiro, o prazo de inscrición para participar no Concurso de Carrozas e Disfraces do Entroido 2014. As persoas e colectivos interesados en optar a algún dos 12 premios establecidos poderán inscribirse ata o mesmo día do desfile, o martes 4 de marzo, nas dependencias da Concellería de Cultura en horario de 9 a 14 horas, excepto o último día, no que se pechará o prazo ás 12:00 horas.

O Desfile de Carrozas e Disfraces celebrarase o 4 de marzo, Martes de Entroido. A Concellería de Cultura estableceu un total de 12 premios (seis para a categoría de adultos e outros seis para a infantil) dotados coa suma total de 2.950 euros. Na categoría de adultos establécense seis premios nas modalidades, tres na modalidade de grupos (de 600, 400 e 300 euros) e un número similar para os tres mellores disfraces individuais e de parellas (de 250, 200 e 100 euros).

Na categoría infantil (ata 14 anos) tamén se concederán seis premios. No apartado de grupos estabécese un primeiro premio dotado con 300 euros, un segundo con 2000 e o terceiro con 150; mentres que na modalidade que reúne disfraces individuais e de parellas, os premios serán de 200, 150 e 100 euros.

Entre os criterios que terá en conta o xurado á hora de emitir o seu fallo atópanse ademais da orixinalidade, laboriosidade e espectacularidade dos disfraces, aspectos como a animación, espontaneidade, interpretación e ambientación musical. Estes criterios veñen recollidos nas bases que rexerán o desfile concurso e nas que se establece outros aspectos a ter en conta como a prohibición de participar con animais vivos ou a obriga de realizar o percorrido completo (para o cal se establecerán controis en distintos tramos). Ademais, os grupos que participen cun vehículo, carroza ou artefacto de grandes dimensións deberán notificalo previamente á Concellería, a efectos de organizar a saída e disposición dos mesmos. O xurado estará composto por persoas relacionadas coa música e a cultura, xornalistas e os premios poderán quedar desertos se así o estima o xurado.

19 de febreiro de 2014 | 12:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.