Os hostaleiros de Teo propoñen un Entroido de tapas polo municipio
Nas próximas semanas nas casas teenses vanse preparar moitas filloas, cocido ou orellas. E nos locais de hostalaría tamén. A proposta do concurso de tapas promovido polo Concello de Teo, que comeza este venres, é que os petiscos sexan elaborados con produtos típicos deste tempo de festa. O Concello de Teo acordou organizar este concurso dentro das accións de promoción do dos xenerais da Ulla, declarados festa de interese turístico galego o ano pasado.
Deste xeito durante os días que dura o concurso, entre o 21 de febreiro e o 9 de marzo os locais participantes vannos convidar a comer o entroido. Para eso deseñaron quince petiscos nos que hai elementos imprescindibles como as filloas e tamén propostas novidosas como a unión entre a pizza e o cocido.
Serviranse tapas a 1,5 euros en horario de mañá de 13:00 a 15:30 horas e pola tarde entre as 19:30 e as 23:00 horas. E poderemos probar lasaña de entroido; o verme da verdura; croquetas de lacón; grelos e queixo do País; empanadilla de cocido; chulas do Ulla; tampantollo de carnaval; filloa rechea de zorza con grelos; pizza de entroido; espeto de porco con prebe de grelo e pataca con trompiños; bolos de pote con lacón; filloa vexetal rechea de polo con mollo de queixo de Arzúa; candea de entroido; filloa de polo e queixo; cocido expréss e filloa rechea de carnaval.
O Concello editou un pasaporte, que se pode atopar en cada local participante, no que figuran todas as tapas. Nesa guía aparecen agrupados os locais por rutas segundo a súa ubicación xeográfica no Concello. A Ruta 1 é a de Ramallosa-Pontevea e nela aparecen a Cervecería Santa Sede; a Taberna Riveiro; a Taberna Mella; a Senra Café e Casa Pernas. A Ruta 2 é a da Nacional 550-Calo e están Bariloche Café&Restaurante; Parrillada As Brasas; A Capilla; Chila Café e Restaurante San Martiño. A ruta 3 é a de Cacheiras-Montouto-Tilos e nela participan o Touché Café-Lounge; o Canaletto; a Cervecería Manu, a Cafetería Mar Adentro e a Cantina do Mercado do alimento labrego de Teo.
Premios
As persoas que vaian cubrindo o pasaporte ou proben algunha das tapas e as valoren depositando o seu voto nunha furna nalgún dos locais poderán acceder a algún dos premios do concurso. O primeiro premio é un abono anual para o uso das instalacións da Piscina municipal cuberta da Ramallosa, para a persoa gañadora ou para a persoa que designe. O segundo é unha fin de semana para dúas persoas nunha casa de turismo rural do Concello de Teo. Participarán no sorteo do primeiro premio todos os pasaportes don quince selos e no do segundo aqueles que teñan alomenos doce cubertos.
As papeletas coa valoración das tapas tamén optan a dous premios, unha cea para dúas persoas nun dos establecementos adheridos ó Concurso de tapas do entroido e unha cesta con produtos elaborados e cultivados polos labregos e labregas do Mercado do Alimento Labrego de Teo. Os sorteos realizaranse o 11 de marzo na Casa do Concello.
Este concurso está organizado polo Concello de Teo e os hostaleiros participantes e conta coa colaboración da Piscina Municipal Cuberta da Ramallosa.











