Os estudantes de Monforte coñecerán as funcións do punto limpo
A vindeira semana retomaranse as actividades do segundo proxecto de educación medio ambiental, desenvolvido pola concellería en colaboración cos colexios e IES, no que se recollen diferentes actividades a realizar durante o presente curso escolar.
Neste caso a actividade céntrase na concienciación e a reciclaxe, e consistirá nunha visita ó punto limpo por parte de alumnado do colexio de educación especial Infanta Helena, e alumnado de ESO dos colexios Escolapios e Ferroviario, e dos IES A Pinguela, Daviña Rei e Río Cabe. O propósito da actividade, que se levará a cabo os días 19, 20 e 21 pola mañá, é fomentar a utilización deste espazo destinado á reciclaxe do lixo que non pode ser depositado nos colectores situados a pé de rúa.
Antes de desprazarse ata o punto limpo, o alumnado recibirá unha explicación sobre o que é este espazo e como funciona. Durante a visita os mozos e mozas moveranse libremente polo punto limpo, observando as diferentes clasificacións de materiais de desfeito. Antes de rematar, serán os propios alumnos e alumnas os que expliquen uns a outros o que hai en cada apartado e por qué está alí.
O coñecemento da existencia do punto limpo e os seus usos por parte da poboación resulta fundamental para levar a cabo unha boa xestión do lixo. Por este motivo, o alumnado que participe nesta actividade deberá realizar propostas para que o Concello difunda esta instalación. A proposta que se valore como máis axeitada, unha vez elaborada e entregada por escrito, será utilizada para dar maior publicidade ó punto limpo.
O segundo proxecto de educación medio ambiental comezou o pasado mes de novembro cunha actividade sobre a reciclaxe desenvolvida nos centros de primaria. Baixo o título de “Os tres RRR”, a actividade centrouse no R da reutilización, comprendendo unha parte teórica, outra práctica e outra reflexiva. Nesta primeira actividade participaron arredor de 300 rapaces e rapazas, uns 50 por cada centro educativo.
Os seguintes obradoiros enmarcados neste proxecto desenvolveranse nos meses de marzo e maio e estarán dirixidos a alumnado de primaria e secundaria. No mes de marzo as actividades centraranse no “Día da Árbore”, e no mes de maio levarase a cabo un obradoiro sobre o “Cambio Climático”, dirixido exclusivamente a alumnado de secundaria.
Os obxectivos das actividades propostas pola concellería de Medio Ambiente son:
– Sensibilizar e concienciar ós/ás escolares cara ó medio ambiente
– Desenvolver hábitos de reciclado, redución e reutilización.
– Promover valores de respecto, coidado e protección do medio











