Os escolares do Colexio de Sanguiñeda convértense en mestres da radio por un día

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+
Escolares no estudo de radio

Escolares no estudo de radio

Esta mañá celebrouse no Colexio de Sanguiñeda, o CEIP Mestre Valverde Maio, a presentación para os alumnos e alumnas dos centros educativos de Primaria de Petelos e Castro-Mos, -Mestre Martínez Alonso- do o programa de radio creado no Mestre Valverde Maio. Á presentación asistiu tamén a concelleira de Educación e Participación Cidadá mosense, Kely Monzón.

Sobre esta iniciativa Monzón declaraba que “no noso Concello contamos coa Radio Escolar de Sanguiñeda que naceu no colexio Mestre Valverde Maio. No ano 1987 e con poucos medios pero con moita ilusión comezouse a traballar para poñer en marcha un proxecto que ano tras ano non fixo máis que medrar. A radio está presente en moitos dos momentos da xornada escolar, a música nos indica á entrada ó colexio, o tempo do recreo e tamén o intre de marchar para casa. É por iso que dende esta concellería consideramos de gran interese valorar o programa de radio creado no centro educativo Mestre Valverde Maio, achegando ó resto da comunidade educativa a dito centro coa posibilidade de participar nun dos seus programas de radio”.

Esta actividade programouse tamén en conmemoración do Día Mundial da Radio que se celebra pasado mañá, xoves 13 de febreiro. Para a educación dos máis cativos resulta moi interesante e enriquecedor achegarlles as novas tecnoloxías e os medios de comunicación, que son un dos eixes centrais na nosa sociedade actual, a través dos que se recibe a maioría da información. A radio en concreto é un medio estupendo para desenvolver múltiples habilidades pero tamén para desenvolver valores fundamentais entre os nenos e nenas.

O programa de radio presentado hoxe vai específicamente dirixido ó alumnado de 3º curso de Primaria e conta entre os seus principais obxectivos co de dar a coñecer o traballo que se realiza dende a radio escolar de Sanguiñeda, achegar ó alumnado a un medio de comunicación, amosar os beneficios que aporta a radio ó alumnado que participa e escoita a radio, fomentar valores como o compañerismo, o traballo en equipo, o coñecemento da nosa lingua e as relacións interpersoais, aportar ós cativos desenvoltura á hora de expresarse, que sexan capaces de desfacerse da vergoña e que aprendan a traballar en equipo, e que interioricen valores coma o compañerismo, a cooperación, a colaboración, o coñecemento da nosa lingua, e a mellora e o fomento das relacións interpersoais.

11 de febreiro de 2014 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.