Os enxeñeiros industriais organizan en Santiago unha conferencia sobre certificación enerxética dos edificios
A Delegación de Santiago do Colexio de Enxeñeiros Industriais e “Dínamo Técnica, revista galega de enerxía” organizan mañá venres 21 de febreiro unha conferencia sobre certificación enerxética de edificios. Unha charla de asistencia libre e gratuíta que terá lugar no local da Delegación (rúa Ramón Piñeiro 23. Baixo –á beira do Parlamento de Galicia) entre as 20:00 e as 21:30 horas.
O relator será o enxeñeiro industrial Ramón Martínez Ormaechea, quen falará sobre o procedemento básico para a certificación de eficiencia enerxética de edificios, tanto de nova construción como existentes. E é que desde o 1 de xuño de 2013, a presentación deste certificado (da totalidade ou da parte dun edificio) aos compradores ou arrendatarios é obrigatorio para todos os contratos de venda ou arrendamento.
A nova normativa recoñece aos enxeñeiros industriais como profesionais acreditados e cualificados para emitir a certificación enerxética xa que estes profesionais posúen nos campos da edificación, a construción e a enerxía sólidos coñecementos de deseño, materiais e instalacións resultando competentes na elaboración de informes de certificación enerxética. Ademais, o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Industriais creou a páxina web: www.certificacionenergeticaindustriales.es, na que se atopa información útil sobre a certificación enerxética.











