Os desaloxados da Sala Yago de Santiago denuncian que “non había orde de desaloxo”

Desaloxo da Sala Yago
Os ocupantes desaloxados este luns da Sala Yago de Santiago de Compostela, tras seis días de encerro, denunciaron que “non había orde de desaloxo”, xa que “en ningún momento ninguén llesa ensinou”. No edificio cortouse a luz e un cerralleiro encargouse de selar a porta para evitar unha nova ocupación.
Segundo fontes policiais o desaloxo produciuse por orde do Xulgado de Garda de Santiago, o de instrución número dous, a raíz dunha denuncia. Ademais, indicaron que na desocupación houbo algo máis de media ducia de identificados.
O fin do encerro produciuse máis ou menos sobre as 9,30 horas, relataron os afectados. “Escoitamos uns ruídos mentres durmiamos”, explicaron e criticaron que “non entraron pola porta”, que “deberon de entrar pola ventá”. Como resposta, convocaron unha protesta este mesmo luns ás 20,00 horas en Porta do Camiño.
Os Ocupa da Sala Yago reiteraron que “non hai ninguén detido porque non teñen orde de desaloxo” e engadiron que só unha persoa foi trasladada a comisaría por non ter con ela o seu documento de identificación. “Isto non fixo máis que empezar”, avisaron e manifestaron que a súa intención é “disolver a cámara municipal”.
A ocupación producíase o pasado mércores no antigo e emblemático local de cinema situado no casco histórico de Santiago de Compostela, por un grupo de persoas que reivindicaron recuperar o inmoble como “espazo cultural liberado”.
CHAMADA LIBRE Á PARTICIPACIÓN
O obxectivo desta ocupación, explicaron os implicados, era a creación dun espazo cultural para que todo o mundo que quixese puidese ir. “Era unha chamada libre á participación”, continuaron.
Ademais, unha das implicadas aclarou que “só estaban a realizar tarefas de restauración e rehabilitación” no edificio, ademais da programación cultural que tiñan organizada.
DESALOXO COMO “MONTAXE”
Os desaloxados refírense á resolución da ocupación como “unha montaxe” e sostiveron que “a proba de que foi un desaloxo ilegal” está en que “a xente que estaba dentro non foi detida”.
“Solo botóuselles fóra e cada un foise polo seu propio pé”, manifestaron. “O que están a facer eles é tan ilegal como o que fixemos nós”, recoñeceron os ocupas, pero “coa diferenza de que se quería crear unha cultura libre” porque non senten representados polas leis vixentes, concluíron.
EN ESPAÑOL POR EDUCACIÓN
Ademais, unha das implicadas nos feitos explicou que a policía os espertou con berros dicindo que se dirixisen a eles “en español por educación”. “Nin que o galego fose de mal educados”, denunciou.
O desaloxo estivo acompañado en todo momento por berros como “Sala Yago espazo liberado”; “Policía, tortura e asasina””aos corruptos non os botan” e “abuso de poder”.
Ademais, os desaloxados advertiron que “se hai unha segunda, haberá unha terceira e unha cuarta e unha quinta” ocupación e animaron á policía “a desaloxar a cámara municipal” cos seus berros.











