Os concellos de Mondoñedo e Ferrol lembrarán xuntos a Cunqueiro este venres

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal PortadaMondoñedo
A-
A+

Mondoñedo, coa súa cidade irmá, Ferrol, e como convidado de honra César Morán, lembrarán o vindeiro venres, día 28 de febreiro, a Álvaro Cunqueiro, no que vén ser o cabodano da morte do autor de Merlín e Familia.

Con tal motivo, e como xa é tradición, haberá, en primero lugar, a partir das 11.00 horas, unha ofrenda floral no Cemiterio Vello, diante da tumba de Cunqueiro, en presenza das autoridades municipais de ambas as dúas capitais da Diócese de Mondoñedo-Ferrol; e a continuación os presentes trasladaranse ao Auditorio Municipal Pascual Veiga, onde terá lugar o acto central da xornada.

Un acto no que a conferencia magistral a partir das 11.30 horas, correrá a cargo do músico, autor literario e Catedrático de Lingua e Literatura Galega; César Morán.

A xornada rematará, tamén no Auditorio Municipal, cunha lectura pública da obra cunqueiriana, aberta a todos cantos desexen sumarse a ela e na que participarán alumnos/as do CEIP Álvaro Cunqueiro e do IES San Rosendo. Un concerto de César Morán ás 12.00 horas, dará por finalizados os actos de mañá.

Xa pola tarde e a partir das 20.00 horas na Casa da Xuventude terá lugar a presentación do Grupo Literario Leiras Pulpeiro a cargo dos coordinanores do Grupo Fran Bouso, Julia María Labrador e o especialista en Leiras; Ramón Reimunde. Unha vez máis César Morán, Rebeca Maseda e a Coral Mestre Pacheco serán os encargados de poñer o broche final aos actos desta xornada.

25 de febreiro de 2014 | 12:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.