Os clientes do CCA do Calvario poderán escoller ao seu comercio favorito na campaña Máis que comercio!

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Vigo ▼
A-
A+

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e a delegada da Xunta en Vigo, María José Bravo, presentaron esta mañá a nova campaña de dinamización comercial Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, unha iniciativa coa que a Consellería de Economía e Industria reforza o comercio de proximidade ao tempo que incentiva as vendas nas vilas e cidades galegas.

A campaña, que percorrerá os diferentes centros comerciais abertos de Galicia durante todo o ano, celebrándose cada mes en cinco localidades, comezará o vindeiro luns, ademais de no Centro Comercial Aberto do Calvario, no CCU Zona Monumental de Pontevedra e os ccas de Ribadeo e O Carballiño.

En Vigo, os clientes dos comercios asociados ao centro comercial aberto do Calvario recibirán durante o mes de marzo por cada 5€ de compra un cupón para participar nun xogo en liña na web www.maisquecomercio.com, no que, votando ao seu establecemento favorito, poderán conseguir un premio en metálico de 200 euros e outros dous de 100, ademais de outros agasallos. Ademais, ao remate do mes que durará a campaña, o establecemento escollido polos clientes que participen na iniciativa en cada CCA recibirá un recoñecemento público ao seu labor.

Un dos obxectivos desta nova campaña, que resalta os valores do comercio de proximidade, como a calidade, o trato ao cliente, a diferenciación e a variedade, é impulsar o asociacionismo, apoiando o traballo que desenvolven os centros comerciais abertos, unha fórmula que permite o desenvolvemento de estratexias comerciais e a prestación de servizos de forma conxunta no pequeno comercio para mellorar a súa competitividade.

Neste sentido, lembrou que a Xunta vén de activar o programa de apoios para as asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e as prazas de abastos, dotado con 2,2 millóns de euros, e do que o ano pasado se beneficiaron os centros comerciais abertos vigueses do Calvario, As Travesas, Zona Príncipe e Zona Centro, que acollerán proximamente a campaña Máis que comercio!, ademais das asociacións dos mercados do Calvario, As Travesas, Progreso e Teis.

Sol Vázquez Abeal fixo tamén fincapé no novo programa de axudas de ata o 50% e ata 10.000 euros para a apertura de novos establecementos comerciais posto en marcha pola Consellería de Economía e Industria, co que se incide no impulso ao emprendemento no tecido comercial, complementando as iniciativas fomentadas na nova Lei do Emprendemento e da Competitividade de Galicia, entre as que destacan a simplificación administrativa grazas á eliminación con carácter xeral das licencias municipais de obra e actividade.
 

28 de febreiro de 2014 | 20:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.