Os centros escolares monfortinos acollerán a actividade de prevención de drogodependencia “A familia sí pode”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

A Unidade Asistencial de Drogodependencias de Monforte de Lemos, pertencente á Concellalía de Sanidade, que dirixe Antonino Luaces, está a levar a cabo en varios  centros escolares da zona unha actividade dirixida ás familias dos alumnos. Esta actividade está a ser desenvolvida por Lucía Pedrido, alumna en prácticas de Educación Social, grazas á colaboración da Universidade de Santiago de Compostela coa Unidade Asistencial de Drogodependencias.

“A FAMILIA SÍ PODE” é unha actividade de prevención de drogodependencias enfocada ao ámbito familiar, na que se reafirma a importancia que ten o contexto nos consumos temperáns, así como a repercusión que pode chegar a ter a influencia da historia familiar neste feito. Trabállanse habilidades sociais, entre as cales destaca o proceso de comunicación familiar como potente ferramenta de prevención, resaltando a transcendencia desta na autoestima e o autoconcepto dos menores.

 O obxectivo principal é o de recoñecer posibles factores de risco existentes no ámbito familiar que poidan potenciar un consumo de substancias temperán, evitando a súa aparición ou modificándoos a través dun correcto uso das habilidades sociais.

19 de febreiro de 2014 | 12:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.