Os cativos da gardería de Brión disfrutan da Semana da Música

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

Os nenos e nenas da gardería municipal de Brión celebrarán do 3 ao 7 de febreiro a Semana da Música, cinco días nos que os pequenos se achegan aos distintos instrumentos musicais grazas á colaboración de familiares e amigos da escola infantil. Un ciclo de concertos que terá lugar na gardería brionesa todas as mañás, ás 10:30 horas, e ao que están convidados todos os pais e nais que o desexen.

“O obxectivo é iniciar aos pequenos no gusto á música grazas á colaboración de xente especializada, que teñen ou tiveron aos seus nenos na gardería e que colaboran desinteresadamente connosco”, explica Dolores Campos, directora da escola infantil municipal de Brión. Así, esta mañá foi a quenda de Jorge Rey, profesor da Escola Municipal de Música Magariños e director da Banda Municipal de Música. Rey presentoulles un par de instrumentos que ata o de agora non se escoitaran na gardería brionesa: a trompeta e o trombón, cuxos son sorprenderon moito aos pequenos, máis afeitos a instrumentos como a guitarra, a gaita ou a pandeireta.

Próximas actuacións

Mañá martes será o turno de Alberto, profesor de música no CEIP Manuel Rial de Cee, que tocará un popular instrumento moi coñecido polos pequenos: o acordeón. O mércores será a quenda de Ana, antiga compoñente da Banda de Música de Brión, que deleitará aos pequenos cun recital de clarinete. O xoves 6 de febreiro repetirán experiencia Míriam González e Pipo Alvariño, profesores de música no CEIP de Negreira e no IES de Santa Comba, respectivamente. Estarán acompañados dun acordeón e dunha guitarra coas que interpretarán pezas infantís e música tradicional galega.

E para rematar esta Semana da Música, o venres 7, Masé, Ana e María, compoñentes do grupo “As tocadoras de ninghures”, introducirán aos pequenos nos sons e ritmos tradicionais da gaita, o tambor e a pandeireta. Unha actuación que está dentro do seu proxecto “De ruada polos coles”, a través do cal pretenden achegar aos colexios e garderías unha pequena mostra da música, canto e baile tradicional galego dun xeito lúdico e didáctico.

3 de febreiro de 2014 | 19:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.