Os alumnos da Lomba e Arealonga pechan os obradoiros de bebidas saudables
Os Obradoiros de Bebidas Saudables que organiza a Área de Prevención do SPAD entran esta semana na súa última fase. Na segunda semana de actividades, as actividades chegan mañá ao comedor do CEIP da Lomba, onde se desenvolverán entre o martes e o xoves, tres sesións nas que participarán alumnos deste centro xunto cos do Arealonga.
Un total de 285 alumnos e 18 profesores dos centros educativos do municipio participaron nesta edición do programa preventivo orientado a escolares de quinto curso de Primaria. A actividade ten como obxectivo informar aos nenos e nenas sobre os efectos negativos que ten na saúde o consumo de bebidas alcohólicas ou determinado tipo de refrescos azucrados e para presentarlles de forma práctica outras alternativas ensinándolles a preparar batidos e zumes a base de froitas e lácteos.
Con elo preténdese que os nenos e nenas reflexionen sobre o consumo de bebidas que habitualmente consumen, tanto eles, como no seu entorno próximo, proporcionándolles unha información clara sobre o uso e abuso do alcohol.
Os colexios de Vilagarcía que participaron nesta edición dos Obradoiros de Bebidas Saudables que está a piques de rematar foron os de Vilaxoán, A Escardia, Rubiáns, Sagrada Familia, A Lomba, Arealonga, Rosalía de Castro e o centro Con Eles.
Case 500 alumnos máis noutros municipios
Unha vez concluída a actividade en Vilagarcía, o SPAD levará os Obradoiros de Bebidas Saudables aos colexios dos outros tres municipios adscritos ao programa de Prevención (son Cambados, Meis e Ribadumia) estando programados ata o de agora 30 sesións cunha poboación destinataria de 485 alumnos e 34 profesores.











