Os afectados polas sancións ás pensións do estranxeiro poderán entregar a documentación para as reclamacións en Oroso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

A Plataforma de Afectados polas sancións ás pensións do estranxeiro na Comarca de Ordes convoca a unha reunión aos veciños e veciñas de Oroso afectados por este conflito coa Axencia Tributaria. Un encontro que terá lugar este xoves 13 de febreiro, ás 20:00 horas, no centro cultural de Sigüeiro.

A avogada da Plataforma, Vanesa Pedrouzo, recollerá dos afectados a documentación precisa para presentar a correspondente reclamación diante da Axencia Tributaria. “O noso obxectivo é que estes pensionistas poidan recuperar parte dos cartos que tiveron que pagar ou que a Axencia Tributaria lles está reclamando, especialmente no que atinxe a sancións e interese”, explica Vanesa Pedrouzo, quen se amosa optimista na posibilidade de recuperar eses cartos. “De feito, na Plataforma da Costa da Morte xa hai algúns veciños que recuperaron eses cartos”, asegura.

Aberto a novas incorporacións

Ese feito fai que máis pensionistas retornados, que inicialmente non pensaban reclamar, se animen agora a presentar a súa reclamación. Vanesa Pedrouzo explica que “o acto deste xoves en Oroso, como os que iremos facendo polo resto de municipios da comarca de Ordes, son abertos, polo que poden presentarse máis afectados coa seguridade de que os atenderemos e lles recolleremos a documentación para presentar a reclamación”. Unha circunstancia que xa se deu a semana pasada en Trazo, onde inicialmente só había 5 apuntados á Plataforma pero que despois da reunión do pasado xoves ascendeu a 16 afectados.

Nestes momentos, dende a Plataforma de Afectados polas sancións ás pensións do estranxeiro na Comarca de Ordes están a contactar cos alcaldes de Cerceda, Mesía, Frades, Ordes e Tordoia para acordar a cesión dun local para celebrar tamén reunións nestes municipios nos vindeiros días. “Deste xeito queremos facilitar que se poida anotar máis xente e que non teñan que desprazárense a outro concello a entregar a documentación”, sinala Vanesa Pedrouzo.

A Plataforma de Afectados polas sancións ás pensións do estranxeiro na Comarca de Ordes naceu o pasado mes de outubro como resposta ás inxustas sancións impostas pola Axencia Tributaria, que lles requiriu a estes veciños non só que tributen por eses subsidios dende o ano 2008 senón que mesmo os sancionou por considerar que non cumpriron cos seus deberes fiscais. Unha situación que nada ten que ver coa realidade, pois ninguén informou a estas persoas de que tiñan que declarar por estas pensións (xa que no seu país de orixe están exentos de tributar). Unha realidade que se demostra no feito de que entre os afectados hai numerosos emigrantes retornados que contan cunha asesoría legal e que nunca foron advertidos da necesidade de presentar as devanditas declaracións.

11 de febreiro de 2014 | 19:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.